Interceptan na A-52 a un camioneiro que multiplicaba por 10 a taxa máxima de alcol para profesionais

Remitindo Nota De Prensa
GUARDIA CIVIL
Actualizado: miércoles, 24 mayo 2017 18:26

VIGO, 24 May. (EUROPA PRESS) -

Axentes da Garda Civil de Tráfico interceptaron na autoestrada A-52, á altura de Ponteareas (Pontevedra), a un camioneiro de 44 anos, veciño de Redondela de iniciais J.J.O.C., que multiplicaba por 10 a taxa máxima de alcol permitida para este tipo de condutores profesionais do transporte de mercadorías.

Tal e como informou o Instituto Armado, sobre as 18,00 horas deste martes recibiuse unha alerta de que un condutor dun camión articulado circulaba pola A-52 de forma errática, polo que patrullas do destacamento do Porriño foron detrás del ata interceptalo á altura do quilómetro 292.

O condutor, que mostraba evidentes síntomas de embriaguez, foi sometido á proba de alcoholemia, na que arroxou positivos de 1,69 e 1,63 mg/l, co que decuplica o límite permitido para este tipo de profesionais.

A Garda Civil destacou que esta taxa, "a máis alta detectada en Galicia nos últimos anos", está próxima ao coma etílico e a progresiva inconsciencia.

Por todo iso, inmobilizouse o camión, co que pretendía viaxar ata Francia, e instruíronselle dilixencias xudiciais por un delito contra a seguridade viaria --penado con entre 3 e 6 meses de prisión, multa ou traballos en beneficio da comunidade, e privación do dereito a conducir por entre 1 e 4 anos--.

O home, que estaba desorientado, foi recollido pola súa familia en comisaría.