A inversión de obra pública en Galicia aumenta un 34,85% e sitúase en 246,68 millóns de euros ata abril

A licitación da Xunta e os concellos experimenta un incremento superior ao 311 e ao 185%, respectivamente

Construcción
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 21:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

A inversión de obra pública en Galicia superou os 246,68 millóns de euros entre xaneiro e abril deste ano, o que representa un aumento do 34,85% con respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos feitos públicos este mércores pola Federación Galega da Construción.

No conxunto da inversión na Comunidade Autónoma, o Estado, con 130,3 millóns de euros e a Xunta, con 64,9 millóns de euros, achegan o 52,85% e o 28,15%, respectivamente, do total licitado.

No caso da Administración estatal, o incremento está motivado, en primeiro lugar, polo proxecto construtivo do Eixe Atlántico --o tramo Vilagarcía-Padrón, ao que corresponderon 47,56 millóns de euros--.

Ademais, ADIF tamén licitou as obras de execución do proxecto construtivo de estación provisional en Vigo Urzáiz, con 5,25 millóns de presuposto; e a execución das obras do proxecto de construción de instalacións de protección e seguridade nos túneles do Eixe Atlántico --tramo Vigo-Santiago--, por 11,31 millóns.

O informe da Federación Galega da Construción tamén fai referencia á licitación, por 28,07 millóns, da redacción do proxecto construtivo e execución das obras do emisario submarino da EDAR de Lagares.

Por último, cita a terminación das obras de construción e rehabilitación do arquivo histórico provincial e biblioteca pública do Estado en Ourense no antigo convento de San Francisco, cun presuposto de 16,69 millóns.

HOSPITAL DE OURENSE

No que respecta á Administración galega, a suba na licitación, segundo a federación de construción, débese fundamentalmente" á obra de construción da fase I do plan director do complexo hospitalario universitario de Ourense, cun importe duns 57,99 millóns da Consellería de Sanidade.

Neste último mes, a patronal destaca tres obras de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria --ampliación dun CEIP, dun CEP e construción dunha EEI--, con presupostos de 1,54; 1,6 e 3,37 millóns de euros, respectivamente.

A maiores, a federación subliña que a licitación da Xunta e os concellos experimenta neste período un incremento interanual de máis do 311 e 185%, respectivamente; mentres as deputacións provinciais "continúan coa tendencia negativa iniciada en 2011" ( -20,73%) e o Estado baixa nun 6,26%.

Contenido patrocinado