Investigado por circular en moto por Baiona triplicando a velocidade máxima permitida e sen carné de motocicleta

Publicado: viernes, 24 marzo 2017 14:47

Unha muller titular do vehículo asumiu a autoría dos feitos, pero a Garda Civil descubriu que era a súa parella quen conducía

VIGO, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Garda Civil de Tráfico investiga a un veciño de Chapela-Redondela (Pontevedra), como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria, ao circular nunha motocicleta sen carné para este tipo de vehículo, e darse á fuga cando un axente o quixo interceptar por conducir a máis de 160 quilómetros por hora nun tramo de 50, en Baiona.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os feitos ocorreron o pasado domingo na PO-552, á saída de Baiona, cando un radar detectou unha motocicleta Kawasaki circulando a 163 km/h nun tramo delimitado a 50, con bastantes curvas e habitual presenza de peóns e ciclistas.

Cando un dos axentes do equipo de control tratou de interceptar ao piloto, este non só desobedeceu a indicación de pararse, senón que acelerou e estivo a piques de arroiar ao garda, que non podía apartarse sen porse en perigo, debido aos coches que circulaban en sentido contrario.

A Garda Civil iniciou as pescudas para localizar ao condutor e, inicialmente, tomaron declaración á persoa que figuraba como titular da moto, unha veciña de Redondela de 29 anos.

IDENTIFICACIÓN

A moza asumiu desde o primeiro momento a autoría dos feitos, a pesar de non ter carné de conducir motocicletas, e notificóuselle que sería investigada por un suposto delito contra a seguridade viaria. No entanto, e ante as evidentes contradicións da muller, a Garda Civil seguiu investigando, ata que pescudou que era a súa parella, un veciño de Chapela, R.L.F., de 34 anos de idade, quen conducía realmente a motocicleta o pasado domingo en Baiona.

Se da a circunstancia de que o home, aínda que ten coñecementos e habilidades para levar un vehículo desas características, tampouco posúe o pertinente permiso de conducir motocicletas.

Por estes feitos, notificóuselle a súa condición de investigado por dous supostos delitos contra a seguridade viaria. As dilixencias foron postas en coñecemento do xulgado de instrución de garda de Vigo.