SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asegurou este mércores que a entidade publicará este ano as súas liñas de axudas ao sector --das que polo momento só foi convocada a relativa a festivais-- aínda que evitou dar un prazo para a posta en marcha das subvencións a pesar das reclamacións da oposición.
Jacobo Sutil compareceu na Comisión de Cultura a petición propia para dar conta das liñas de actuación da Agadic para este ano. Trátase da primeira vez que comparece dende que asumiu o cargo en marzo deste ano.
Durante a súa intervención, Sutil recordou as "potencialidades" da industria cultural galega, ao tempo que se referiu tamén ás dificultades causadas pola crise. Con este panorama, articulou un plan de traballo na Agadic centrado na internacionalización, a apertura de novos mercados, a optimización das axudas e a busca de novos públicos.
Non obstante, a súa comparecencia foi mal recibida polos grupos da oposición, que a cualificaron de "decepcionante" e "mercantilista". Ao mesmo tempo, os voceiros recordaron que, na segunda metade do mes de xuño, a Agadic unicamente convocou a súa liña de axudas a festivais, polo que preguntaron en qué momento se publicarán as restantes. Ademais, interesáronse pola débeda que, segundo denunciaron, a entidade mantén con empresas do sector.
Na súa resposta, Jacobo Sutil asegurou que este ano se publicarán as subvencións á produción e coprodución en lingua galega, á produción escénica, á programación de salas privadas de exhibición, á distribución interior e exterior e ao talento audiovisual, aínda que evitou dar unha data para as ordes.
Ao mesmo tempo, garantiu o funcionamento da rede de salas, da rede de teatros e auditorios e da rede de música ao vivo, que "dan estabilidade ao sector".
LIÑAS DE ACCIÓN
Durante a súa comparecencia, Jacobo Sutil asegurou que as liñas de actuación da Agadic para 2013 pasan por "favorecer o acceso ao financiamento" das empresas culturais galegas, "diversificar e ampliar a demanda", coa busca de "novos mercados", e realizar "accións concretas de promoción da cultura galega" para incrementar a súa competitividade.
En canto ao sector audiovisual, a Agadic traballa para "manter un apoio económico razoable" e para "mellorar a eficacia" dese financiamento. Entre as liñas prioritarias estará a internacionalización do sector, que a Agadic apoia economicamente coa presenza en feiras internacionais, 24 no que vai de ano.
Ao mesmo tempo, ascenderá a "marca Galicia" como "escenario de rodaxe" e buscará dar "máis visibilidade ao cinema galego" tanto a través de feiras e mostras como poñendo en marcha unha Rede Galega de Cines que sirva como circuíto de exhibición das películas feitas na Comunidade. Este último proxecto, indicou Sutil, porase en marcha "nos próximos meses".
Para a busca de novos públicos, o director da Agadic apostou por actividades en centros de ensino e iniciativas cos novos galegos.
ARTES ESCÉNICAS E MÚSICA
Jacobo Sutil destacou o apoio da Agadic á "continuidade" dos circuítos de exhibición da Rede Galega de Auditorios, Teatros, Salas e Música. Ao mesmo tempo, apostou por potenciar a marca Galician Tunes e por "reforzar" o papel tanto do Centro Dramático Galego coma do Centro Coreográfico Galego.
Dentro dos esforzos pola internacionalización, o director da Agadic informou dun programa que se porá en marcha para o achegamento escénico con compañías portuguesas. A iniciativa 'Troco por troco', que nace con vocación de continuidade, favorecerá a posta en escena de compañías galegas en Portugal e a actuación de compañías lusas en Galicia.
O Centro Coreográfico Galego centrarase no seu próximo proxecto, un espectáculo dedicado ao 150 aniversario de Cantares Gallegos, 'mentres que o Centro Dramático Galego, seguindo coa súa actividade centrada este ano en Roberto Vidal Bolaño, preparará unha nova produción propia con 'Touporroutou da lúa e do sol'.
Entre outras iniciativas de relevancia cultural que acollerá Galicia, Jacobo Sutil destacou os preparativos para que Santiago acolla en 2014 o World Music Expo (Womex), que dará "proxección exterior" aos artistas galegos e suporá un "respaldo" á industria cultural da comunidade.
UN MOMENTO "CRÍTICO"
Durante a quenda de réplica, a deputada nacionalista Ana Pontón, recordou que o sector cultural galego vive "un momento crítico" e cifrou en 2.800 os empregos perdidos polo sector en Galicia durante 2012. Ao mesmo tempo, Pontón acusou o Goberno do PP de levar adiante unha "política de estrangulamento cultural" e preguntou acerca da data na que se convocarán as axudas.
Pola súa banda, o deputado de AGE Xabier Ron considerou que a Agadic actual "mantén os defectos" que tivo durante os cinco meses nos que permaneceu sen director, ata o nomeamento de Sutil, e considerou que moitas iniciativas están "na corda frouxa" polo escaso presuposto.
Na mesma liña, a deputada do PSdeG Concepción Burgo asegurou que entre 2009 e 2013 o presuposto da Agadic diminuíu o 70 por cento e criticou que a entidade leve "practicamente un ano paralizada", con atrasos na convocatoria de axudas.
SEN DIÁLOGO
Xavier Ron acusou durante a súa intervención ao Jacobo Sutil de "carencia de diálogo co sector", algo que o responsable da Agadic rexeitou indicando que se mantiveron máis dun centenar de encontros e reunións neste ámbito.
Ademais, tanto AGE como BNG e PSdeG chamaron a atención sobre a suposta existencia de débedas da entidade con empresas. Ana Pontón, que foi a primeira en sacar a cuestión, informou dunha carta recibida por empresarios do sector cultural na que se lles informa da existencia dunha auditoría e pregúntaselles cál é a débeda que a Agadic mantén con elas. "¿Por que se fai esta auditoría? ¿Non sabe a débeda de Agadic?", cuestionou Pontón.
Jacobo Sutil, non obstante, asegurou que a lexislación obriga a que se auditar as contas da Agadic e que, a través dun proceso chamado "circularización", a auditoría debe preguntar ás empresas as débedas das que ten constancia para ver se "coinciden" cos datos da entidade. Paralelamente, admitiu que ao inicio da lexislatura se deu unha "certa demora" nos pagamentos a empresas, aínda que "agora xa non se dá".
Na súa réplica, tanto Xabier Ron como Concepción Burgo precisaron, non obstante, que na auditoría figuran "débedas de 2012" e interesáronse pola cantidade que a Agadic debería, supostamente, ás empresas galegas, algo que non foi precisado por Jacobo Sutil.
Finalmente, o deputado popular Agustín Baamonde criticou a actitude "negativista" e "utópica" da oposición e cualificou a xestión de Jacobo Sutil de "eficiente e responsable".