Jesús Vázquez defende a modificación lexislativa para "racionalizar" o transporte escolar, que "non se reducirá"

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez A
XUNTA/CONCHI PAZ
Actualizado: miércoles, 22 octubre 2014 17:50

Sinala que a Xunta non ten datos oficiais da folga estudantil, aínda que lle chega información "bastante distinta" á de estudantes

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, defendeu este mércores a introdución dun artigo na lei de acompañamento dos presupostos de 2015 polo que se pode modificar as rutas de transporte escolar para favorecer a súa "racionalización" e sinalou que "en ningún caso" suporá unha "redución" do servizo, senón a súa "mellora".

En declaracións aos medios na Cámara autonómica, o conselleiro defendeu que o servizo de transporte "non só non diminuíu" senón que rexistrou "un incremento de máis do 5 por cento" nos últimos cinco anos, dende que Alberto Núñez Feijóo está á fronte da Xunta.

Dito isto, explicou que "todos os anos" con motivo de cada inicio de curso "hai altas e baixas" en diferentes paradas, é dicir, xorden "novas necesidades" mentres "desaparecen outras", polo que cada mes de setembro hai problemas para "racionalizar e axilizar" o servizo de transporte escolar.

Así, remarcou que a modificación desta lei de medidas que acompaña aos presupostos pretende dotar á Xunta de ferramentas "legais" para facilitar esta "racionalización".

"En ningún caso vai dirixida á diminución, senón á mellora e eficiencia do servizo. Non haberá unha redución", esgrimiu o conselleiro, quen sinalou, ademais, que a propia Lomce sitúa o servizo de transporte como "unha medida obrigatoria a prestar" á comunidade escolar.

FOLGA DE ESTUDANTES

Sobre a avaliación da folga de estudantes en Galicia por parte da Xunta, o conselleiro replicou que é "imposible" para o seu departamento ter datos oficiais da folga, a diferencia de cando se produce entre o persoal.

En calquera caso, sinalou que os datos que proporcionan á Xunta os centros revelan "unha realidade bastante distinta" á información que parte dos sindicatos de estudantes.

VIDEOXOGO DE GALICIA BILINGÜE

Por outra banda, asegurou non ter constancia oficial de que haxa "unha denuncia" de pais do instituto vigués do Castro en relación á existencia de malestar pola repartición de publicidade de Galicia Bilingüe ás portas do centro a favor dun videoxogo creado polo colectivo baixo a denominación de 'Trolas da normalización lingüística'.

"Non temos constancia formal, nin sequera unha denuncia informal dun equipo directivo ou dalgún membro da comunidade educativa, só temos constancia pola prensa", sinalou Vázquez quen, en todo caso, puntualizou que o Executivo autonómico non pode actuar sobre o que acontece "fóra" dos centros educativos porque se cingue ao ámbito "da liberdade de expresión".

Dito isto, defendeu que este debería ser "un momento de consenso e de achegamento entre todos" na cuestión lingüística conforme o que pide "a sociedade galega", antes de lamentar que "hai elementos que non contribúen a ese consenso nin por un lado nin outro".

"É un día de celebración e para enviar á sociedade a mensaxe de unidade e de que cremos no que estamos a facer", resolveu Vázquez, tras participar no acto do Día da Galeguidade Empresarial que acolleu o Parlamento galego, coincidindo coa conmemoración dos dez anos do Plan Xeral de Normalización Lingüística.