Leiceaga critica a "incerteza" creada pola LOMCE e reclama unha alternativa á reválida de Bacharelato

Actualizado: miércoles, 26 octubre 2016 14:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -

O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou este mércores a "incerteza" e "naufraxio" creado pola reválida de Bacharelato instaurada pola LOMCE e reclamou que sexa substituída por unha proba "máis parecida á que existía" e que "non xere divisións".

En declaracións aos medios antes de participar en Santiago nunha manifestación contra a LOMCE, convocada polo Sindicato de Estudantes, o representante socialista asegurou que esta lei "debe ser paralizada na súa aplicación" en favor dunha norma que xere "consenso entre os distintos grupos políticos".

En particular, Leiceaga criticou as reválidas de Bacharelato, que "están a causar moita incerteza e naufraxio" entre os pais, os alumnos e os profesores".

Fronte a isto, apostou por "unha proba en todo caso máis parecida á que existía", a Selectividade, "que permita un accreso universal ás distintas universidades de España e que non xere divisións nin problemas entre os alumnos".