Letras Galegas.- El Cubo, Kedro e Uxía dan "vida, voz e continuidade" a poemas de Blázquez nun DVD editado por O Porriño

Cultura destaca a "orixinalidade e innovación" da iniciativa da biblioteca, que pretende "ir máis alá" do empréstito de libros

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 12 mayo 2008 15:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 May. (EUROPA PRESS) -

A Biblioteca Municipal do Porriño sumouse ás iniciativas con motivo do Día das Letras Galegas e editou un DVD para "sacar á rúa" os poemas do homenaxeado este ano, Xosé María Álvarez Blázquez, coa interpretación musical de autores de distintas sensibilidades, como 'El Cubo' (rock), Kedro (hip hop) e Uxía, no afán de dar "vida, voz e continuidade" ás letras do poeta.

Na presentación do DVD 'Palabras liberadas', o alcalde do Porriño, Raúl Francés Rodríguez, recordou que no ano 1969 a coral da localidade xa interpretara dous poemas de Álvarez Blázquez e, agora, "corenta anos despois, recollemos este feito para musicar dende outros puntos de vista". Coincidindo coa hora do acto en Santiago, a localidade pontevedresa comezou a "musicalizar" a rúa principal cos poemas, que permanecerán durante toda a semana.

Ao respecto, o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura --que colabora na edición--, Luís Bará, asegurou que se trata dunha das "mellores iniciativas" que se idearon con motivo do Día das Letras, que combina "orixinalidade e innovación" o que, ao seu xuízo, é unha mostra de que a cultura galega "está en bo momento".

Eloxiou aos traballadores da biblioteca por "liberar os libros da gaiola na que están" o cal xa foi recoñecido con premios a nivel galego ou estatal, como o María Moliner ao mellor proxecto de animación cultural.

IR MÁIS ALÁ.

Durante o acto, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea, un dos bibliotecarios impulsores desta iniciativa, Albino Alonso, destacou que esta nova acción se enmarca na filosofía do centro, que considera que debe ir máis alá do empréstito de libros ou de lugar de estudio ou lectura.

Albino Alonso considerou que as bibliotecas deben servir para a recuperación da memoria histórica e a normalización lingüística, así como buscar o impacto económico que xogan nas sociedades "ás que serven".

Neste contexto, o centro do Porriño impulsou a edición deste DVD, que teñen, por unha parte, o recitado de escritores e por outra, a interpretación versionada de varios artistas de distintos estilos musicais.

Concretamente, o recitado confórmano personalidades do universo da literatura actual e a tradición en busca da figura de Álvarez Blázquez, de maneira que participaron os propios fillos do homenaxeado --Alfonso, Celso e Xosé María Álvarez Cáccamo--, Manuel Forcadela, Román Raña Lama, Xavier Rodríguez Baixeras, Xavier Seoane, Marga do Val, Manuel Vilanova e Luz Pozo Garza.

Esta última, que participou na presentación de hoxe, mostrou o seu orgullo porque ela, xunto a Víctor Freixanes e Darío Xoán Cabana, propuxo a figura de Xosé María Álvarez Blázquez para a homenaxe do 17 de maio, segundo comentou.

POEMAS MUSICADOS.

Pola súa banda, os impulsores propuxéronlles a varias agrupacións musicais a interpretación de 'Ao ver que non tiñas nome' e 'Era un airiño soave', que musicaron 'El Cubo', Kedro (Óscar Rodríguez) acompañado polo DJ Kiko, Marcos Legazpi e Jazz T (Javi Paz) --acompañados pola voz de Marta Quintana en clave de música electrónica-- e Uxía, que o filtra melodicamente unida á guitarra Héctor Lorenzo e ao violín de Quim Farinha.

Uxía, que tamén acudiu ao CGAC, recalcou o carácter "popular" do DVD ao "achegar a toda a sociedade" a poesía a través da música. "A poesía pode ter moitas lecturas e cada un realizou unha lectura acertada", referiuse en relación aos seus compañeiros de traballo, e este "é o mellor xeito de que a literatura circule".

Contenido patrocinado