Letras Galegas.- Cultura empraza ao Concello de Tui a homenaxear a Álvarez-Blázquez retirando símbolos franquistas

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 15 mayo 2008 15:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 May. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, invitou hoxe ao Concello de Tui (Pontevedra) a "saldar a débeda" que ten coa familia do poeta Xosé María Álvarez Blázquez e proceda, polo tanto, a retirar a simboloxía franquista presente na vila. "Sería a mellor homenaxe para o ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas", resolveu.

Luis Bará levou a cabo esta localización ao Concello de Tui, gobernado polo PP, aproveitando unha pregunta en comisión parlamentaria do deputado popular César Augusto Pérez Ares, quen solicitaba maior compromiso institucional e financeiro da Consellería de Cultura cos actos que organiza este municipio para celebrar o 'Ano Xosé María Álvarez Blázquez', nacido nesta localidade.

"Un bo xeito de homenaxealo a el, ao seu pai e a toda a súa familia sería que este ano suprimisen a simboloxía franquista", espetoulle o director xeral de Difusión Cultural, quen apelou ás relacións do deputado popular con este concello para que "faga chegar" ao Goberno local esta recomendación de que cumpra coa Lei da Memoria Histórica.

Bará recordou que o pai do autor elixido este ano pola Real Academia Galega (RAG) para dedicar o Día das Letras Galegas, Darío Álvarez Limeses, foi fusilidado polas "tropas franquistas", termo que considerou máis axeitado que o utilizado por "pasado por ármala" do deputado 'popular' Pérez Ares. Ademais, remarcou a circunstancia de que toda a familia foi "vítima directa" da represión exercida polo réxime fascista durante os anos posteriores.

Por estes motivos, sustentou a petición de que o Concello de Tui retire a "ofensa" que supón á familia de Álvarez Bláquez e a todas as vítimas da represión franquista a simboloxía e o nome das rúas dedicadas a dirixentes dun regímen que acabou coa vida do pai do poeta homenaxeado este ano.

INCONGRUENCIAS.

O deputado nacionalista Xosé Ramón Paz Antón tamén se sumou a esta petición. Na súa quenda posterior, e noutra pregunta a Luis Bará, dedicou a súa primeira intervención para insistir no "ofensivo" de que Tui e outros municipios manteñan a simboloxía franquista.

Con respecto ao caso de Tui, interpretou como "incongruente" que este municipio pontevedrés teña como "fillo predilecto" ao ex banqueiro Mario Conde --"moi coñecido no cárcere de Carabanchel"-- e "non actúe para resarcir outro fillo de Tui".

Contenido patrocinado