SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 May. (EUROPA PRESS) -
O escritor e xornalista Manuel Rivas falou hoxe de dous tipos de aptitudes ante a lingua galegas: "o apocalíptico ou berro de atención" e o da "antipatía". "A ninguén se lle ocorrería hoxe en día manifestarse en contra dunha lingua e a favor de que un idioma desapareza", explicou, pero nacen asociacións que baixo lemas de bilingüismo e liberdade "disfrazan" a súa antipatía e, no caso propio, polo galego.
Así o lamentou Manuel Rivas nunha rolda de prensa convocada por A Mesa pola Normalización Lingüística con motivo da presentación dunha campaña de captación de socios para esta asociación no contexto do Día das Letras Galegas pola "necesidade" de seguir a defensa da lingua, e á que asistiron o presidente da asociación, Carlos Callón; xunto coa artista Isabel Martínez-Risco; e o cooperativista agrario, profesor escritor e activista galego Avelino Pousa Antelo.
Manuel Rivas, socio da Mesa, criticou os extremos da apocalipse e da antipatía e cualificou esta última de "ignorancia", que vén ligada ás reivindicacións de pais (en referencia a Galicia Bilingüe) que piden a "liberdade para escoller" un idioma para o ensino dos seus fillos, aos que le "negan o dereito a coñecer outra lingua". "Moito ruído e pouca razón", sentenciou.
Fronte á antipatía propuxo "lexemas de simpatía" e "espazos de creatividade" e vinculou ambos os dous á "importancia" de manifestarse o próximo domingo, día 18 de maio, na rúa, sobre todo para lograr a normalización no "ensino e nos medios de comunicación".
Neste sentido, Carlos Callón referiuse á nova campaña de A Mesa, baixo o título 'Imaxinas unha Galiza sen mar? Imaxinas unha Galiza sen monte? Imaxinas unha Galiza sen lingua?', que aspira a conseguir, por un lado, máis socios e, por outra, a "gañar a batalla da lingua". "Parece mentira que haxa que loitar por unha lingua", lamentou Isabel Martínez-Risco en relación ás palabras de Callón.
SER GALEGO.
Avelino Pousa Antelo, socio máis veterano da Mesa e que hoxe mesmo cumpriu 94 anos, retou hoxe aos cidadáns a ser "galegos como hai que ser" e reprobou os lemas políticos que apelan a "ser galegos como ti".
"Eu non lle teño medo a ser galego" e por iso "non calaremos, seguiremos reclamando e esixindo o dereito á cultura", aseverou e retou "os que non queiran selo que se atrevan a dicilo e que asuman a súa responsabilidade".
CAMPAÑA.
A campaña que iniciou hoxe A Mesa fará chegar ás caixas de correo de correos máis de 350.000 folletos a cidades e vilas de toda Galicia para promover a afiliación, segundo comentou o presidente da asociación.
Neste sentido, fixo extensiva esta implicación á marcha do domingo día 18 en Santiago de Compostela, e invitou a reflexionar a toda a cidadanía, falantes ou non en galego, sobre o dereito a vivir en galego, que dá nome ao manifesto da Mesa para a manifestación, que xa conta con preto de 400 apoios de asociacións, concellos, empresas, sindicatos e formacións políticas.