Letras Galegas.- A RAG reclama apoio de Xunta e universidades para convocar un congreso sobre Álvarez Blázquez

Barreiro identifica ao xornalista e poeta como un "símbolo dos exiliados na súa propia terra"

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 17 mayo 2008 17:24

VIGO, 17 May. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) reclamou hoxe apoio da Consellería de Cultura e das universidades galegas para a organización dun congreso monográfico sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, así como o impulso para a creación dunha fundación, tal e como formulou a familia deste autor, ao que se rende homenaxe este ano no Día das Letras Galegas.

Na sesión plenaria que a RAG celebrou hoxe en Vigo, coa presenza da metade dos seus membros numerarios e de autoridades como a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino; xunto a representantes da Deputación de A Coruña; a Xefatura Superior de Policía de Galicia; a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG); e membros da corporación viguesa; os académicos reclamaron apoios da Xunta para a celebración dun evento monográfico.

Así, Darío Xohán Cabana explicou na súa alocución que "sería fermoso" que a universidade convocase un acto no que estudosos, editores, historiadores, escritores, xornalistas ou filatélicos acudisen para falar "de quen foi o seu mestre" nun "congreso multidisciplinar que infelizmente aínda non se convocou".

Así mesmo, recordou que "Vigo ten unha gozosa débeda con Álvarez Blázquez que nunca poderá ser pagada", en relación á súa actividade como historiador, arqueólogo e editor na cidade olívica.

Cabana referiuse tamén á proposta da familia Álvarez Cáccamo de crear unha fundación en torno á figura deste autor, unha iniciativa que, segundo asegurou o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, conta coa "mellor disposición" desta institución.

Pola súa banda, tanto escritor Víctor Freixanes como Xosé Luis Méndez Ferrín, destacaron a "sensibilidade artística e o patriotismo galego" do homenaxeado, así como a súa contribución ao editorialismo de Galicia.

"EXILIADO NA SÚA PROPIA TERRA"

No seu discurso, o presidente da Real Academia Galega, subliñou a figura do homenaxeado como un "símbolo dos exiliados na súa propia terra", e mencionou as circunstancias de "tormento e medo" que viviron aqueles autores e intelectuais que non abandonaron Galicia durante a represión franquista.

Así, recordou que a Ditadura "cortoulles as ás, quíxolles privar da palabra, deixalos mortos-vivos" e, nese sentido, aseveró que as celebración deste ano con motivo do Día das Letras Galegas, son unha "homenaxe ás voces anónimas que loitaron" pola democracia e a liberdade".

Segundo Barreiro, "moitos pensan que é mellor deixalo aquí e calar", pero advertiu de que "iso sería unha inxustiza" e que "o primeiro é rehabilitar a memoria e despois esquecer". A ese respecto, recordou as palabras do galardoado co premio Cervantes, Juan Gelman, sobre que "as feridas non están pechadas e o seu único tratamento é a verdade".

APOIO DA XUNTA

A conselleira de Cultura, ao termo do acto, explicou en declaracións aos xornalistas, que existe un acordo de 2006 entre o seu departamento e a RAG polo que a Consellería non convoca os actos con motivo do Día dás Letras Galegas, senón que colabora neles e ápoiaos.

En todo caso, Bugallo transmitiu a familia de Álvarez Blázquez que Cultura está "encantada" de colaborar na creación dunha Fundación. Para que se asegure o recoñecemento deste autor no futuro, así como na organización dun congreso.

FUNDACIÓN

Un dos fillos do escritor, Celso Álvarez Cáccamo, precisou que o proxecto da Fundación "é unha idea" e que mesmo pode servir para recoller o legado dos antepasados de Álvarez Blázquez. Así mesmo, recordou a necesidade dunha iniciativa deste tipo para que o arquivo da familia estea "axeitadamente catalogado, preservado e dixitalizado para estudios posteriores".

O fillo do autor apuntou que o seu pai posúe unha "amplísima correspondencia", así como 130 carpetas organizadas e outro material sen catalogar con escritos, documentos históricos da cidade de Vigo, artigos e unha importante biblioteca. Ademais, afirmou que, de crearse esa fundación, o lóxico é que a súa sede estivese na cidade olívica".

Os actos do día de hoxe culminarán esta tarde co descubrimento dunha placa conmemorativa no domicilio familiar de Xosé María Álvarez Blázquez, na rúa Grande Vía de Vigo, onde estarán presentes os membros da RAG, así como a viúva do autor, María Luisa Cáccamo, que non puido acudir pola mañá á sesión plenaria.

Contenido patrocinado