Libera propón crear un rexistro de maltratadores de animais en Galicia

Actualizado: domingo, 27 julio 2014 12:05

Asegura que está "aberta ao debate" cos grupos parlamentarios para trazar unha proposición de lei "garantista" dos animais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

A asociación animalista Libera propuxo este domingo crear un rexistro de maltratadores de animais en Galicia, xa que considera "fundamental" dispoñer dun "rexistro confidencial" sobre persoas sancionadas e condenadas.

Neste sentido, o voceiro desta asociación, Rubén Pérez, subliñou que o obxectivo principal desta inciativa é "manter un maior control" para "impedir que as sancións queden nunha mera reprimenda económica", segundo indicou Libera nun comunicado.

De tódolos xeitos, Pérez confesou que "a falta dunha poboación canina e felina debidamente identificada [...] dificulta as tarefas de denuncia que colectivos e particulares realizan cada ano por numerosos casos de maltrato e morte de animais".

"Algúns deles dunha crueldade extrema, que quedan impunes ao non se coñecer o autor dos feitos," lamentou Pérez. E é que os animalistas calculan que "grande parte da fauna doméstica carece do preceptivo microchip".

En concreto, esta proposta dos animalistas busca "mellorar o corpus lexislativo de protección animal". De feito, sosteñen que "tan só unha lei e un decreto regulan a totalidade das circunstancias".

"Abertos AO DEBATE"

Nesta mesma liña, remarcaron que, actualmente, se debate no Parlamento de Galicia unha iniciativa para endurecer as multas económicas. Así mesmo, fixeron fincapé en que cidades de gran poboación, como Nova Iork e Barcelona, se atopan traballando sobre medidas similares ás formuladas polos animalistas galegos.

Así as cousas, dende Libera incidiron en que están "abertos ao debate cos grupos parlamentarios" co obxectivo de "poder trazar unha proposición de lei vanguardista e garantista dos dereitos dos animais e da cidadanía".