Liñares acóllese de novo ao seu dereito a non declarar

Fernández Liñares no xulgado en Lugo
Foto: Europa Press
Actualizado: lunes, 30 marzo 2015 12:39

A súa defensa aclara que a xuíza o citou "para preguntar sobre o contido dunha documentación" e alega que "non era nada ilícito"

   LUGO, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e exconcelleiro no Concello de Lugo Francisco Fernández Liñares acolleuse este luns de novo ao seu dereito a non declarar, na que era a súa quinta comparecencia ante a xuíza instrutora da 'Operación Pokémon', Pilar de Lara Cifuentes, dende o inicio da investigación en setembro de 2011.

   Pasaban uns minutos das 10,00 horas cando Fernández Liñares chegou ao xulgado de Lugo, acompañado do seu avogado, Evaristo Nogueira. Media hora despois comparecía ante a xuíza instrutora da 'Pokémon' e, pasadas as 11,15 horas, ambos os dous abandonaban a sede xudicial.

   "Ben, moi ben. Moi tranquilo", foron as únicas palabras que pronunciou Liñares á súa entrada ao xulgado, porque xa á saída sinalou que ten "prohibido" falar cos xornalistas por indicacións do seu avogado.

   Precisamente o seu letrado, Evaristo Nogueira, explicou que o o seu cliente "se acolleu ao dereito constitucional a non declarar". "A súa señoría verbalizó as preguntas que lle quería efectuar e así rematou a comparecencia", apostilou.

   Esta citación, segundo precisou Nogueira, era "para preguntar sobre o contido dunha documentación que tiña na súa casa". "Podo adiantar que non era nada ilícito que era unha axenda normal como a que podemos ter calquera persoa", sostivo.

DEMORA

   Ao respecto de que se demorasen tanto estas explicacións, Nogueira atribúeo a que "os tempos na Xustiza son lentos, por desgracia, sobre todo, para quen padece as imputacións". O avogado de Liñares, case catro anos despois de aberta a instrución, manifestou que a mesma é "complexa" para xustificar os atrasos.

   "Xogan moitos factores, sería moi longo de explicar os efectos dunha instrución tan longa e as causas son moi complexas de explicar. Xogan un montón de motivos, dende estruturais; a medios, a número de imputados e, polo tanto, é un conglomerado de circunstancias", apuntou.

   "Evidentemente unha instrución lenta é prexudicial para quen padece a imputación, a pena do banco non está no código penal pero si está realmente na sociedade", concluíu Nogueira.

   A nova citación de Liñares produciuse despois de que o pasado mes de febreiro De Lara emitise un auto no que pedía actualizar a información patrimonial do expresidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, da súa muller e de dous fillos, ao sospeitar que o exedil lucense podería seguir "realizando pagamentos en efectivo sen a emisión da preceptiva factura".

   Nese auto, con data de 9 de febreiro, a xuíza dispoñía que se librase oficio á Confederación Española de Caixas de Aforro (Ceca), á Asociación Española da Banca (AEB) e a Unión Nacional de Cooperativas de Crédito (Unacc) para que facilitasen a Vixilancia Aduaneira toda a información existente nos seus arquivos sobre os movementos realizados nos anos 2013 e 2014 nas contas bancarias, aínda que na actualidade se atopen canceladas, nas que figuren como titulares Liñares, a súa muller, C.F.F., e dous fillos.