Localizan con mazaduras leves e hiportemia ao octoxenario desaparecido en Barbadás (Ourense)

Localizan ao ancián desaparecido en Barbadás (Ourense)
SOS DESAPARECIDOS
Publicado: sábado, 18 noviembre 2017 12:15

   Seguen sen aparecer outros dous homes de avanzada idade en Poio (Pontevedra) e Taboada (Lugo)

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O home de 86 anos desaparecido na Valenzá, no municipio ourensán de Barbadás, foi localizado con vida sobre as 10,30 horas deste sábado. O ancián, que padece alzhéimer, faltaba do seu domicilio de Altamira desde a tarde do xoves.

   Fontes de Protección Civil de Barbadás consultadas por Europa Press confirmaron a localización do desaparecido entre Finca Fierro e A Valenzá. "Estaba sentado á beira dun carballo", explicaron as mesmas fontes, que subliñan que o home se atopaba "orientado" e "consciente".

   Segundo relataron, tiña síntomas de hipotermia e algunha mazadura leve, "pero nada importante". En todo caso, foi trasladado para a súa revisión ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

   No dispositivo participaron, ademais dos efectivos de Protección Civil de Barbadás, axentes da Garda Civil, o GES de Pereiro, veciños e familiares do home.

DESAPARECIDO EN POIO

   Por outra banda, este sábado renovouse, aínda que con menor intensidade, o operativo para tratar de localizar a Francisco Rodiño Ucha, un home de 84 anos que falta do seu domicilio en Poio (Pontevedra) desde o pasado domingo.

   Conforme informaron a Europa Press fontes de Protección Civil, polo momento non houbo resultado. Para o domingo está prevista unha gran batida, na que participarán máis efectivos e voluntarios.

   Francisco Rodiño Ucha saíu ás 17,00 horas do domingo a dar un paseo polas inmediacións da súa casa en O Muiño, San Xoán de Poio, pero non regresou. A pista dada por unha parella levou a procura até os arredores do polígono industrial de Barro, na estrada que une Pontevedra e Vilagarcía, pero non obtivo resultados.

BATIDA O MARTES EN TABOADA

   En Taboada (Lugo), fontes de Protección Civil confirmaron a Europa Press que tampouco hai novidades polo momento na procura do octoxenario do que se descoñece o seu paradoiro desde as 18,00 horas do pasado luns, cando foi visto por última vez na vivenda que comparte con outros familiares.

   Na páxina de 'Facebook' do Concello de Taboada, constátase que, despois de cinco días de "intensa busca", aínda que sen resultados, non se decae e, durante os próximos días, serán as cuadrillas de cazadores os que se centren na súa procura, así como o clube ciclista 'Os Tuzaros'.

   Ademais, o vindeiro martes 21, se non aparece antes, está prevista unha batida "máis ambiciosa". Para todos aqueles que desexen axudar, trasládase que o lugar de partida será o da súa desaparición, na Torre, ás 9,00 horas e ás 15,00 horas, respectivamente.

   E é que, en concreto, o home desapareceu da súa casa no lugar da Torre, na parroquia de San Mamede, do municipio de Taboada. Cando se perdeu de vista, levaba unha chaqueta cor verde e pantalón beis.