López-Chaves acusa Caballero de levar "450 días buscando escusas" para non construír o parking do Hospital Cunqueiro

Publicado: miércoles, 7 diciembre 2016 17:49

VIGO, 7 Dic. (EUROPA PRESS) -

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, apuntou que é o alcalde olívico, Abel Caballero, quen "leva 450 días buscando escusas para non construír o aparcamento" gratuíto que se comprometeu a construír no ámbito do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, concretamente "nuns terreos cedidos gratuítos" por Zona Franca.

Así contestou ás declaracións realizadas este mércores por Caballero, nas que o rexedor denunciou o atraso e "boicot absoluto" por parte da Xunta á construción do aparcamento gratuíto no hospital, pois, segundo a súa versión, Augas de Galicia tivo un informe "case mes e medio nun caixón para atrasar a obra".

López-Chaves criticou que Caballero con estas palabras "falta á verdade", e insistiu en que foi o Concello de Vigo o que "tardou máis de sete meses en remitir o proxecto a Augas de Galicia", polo que non se podía tramitar. "Parece que o interesado tiña pouco interese, porque tardou sete meses en envialo", sostivo.

Na mesma liña, defendeu que a Xunta "foi dilixente coa petición e devolución da documentación administrativa necesaria e relativa ao proxecto do aparcamento", o cal, engadiu, tras máis dun ano dende o anuncio, o Goberno municipal "aínda non adxudicou nin iniciou as obras".