López Orozco cre que a súa inocencia "quedou clara" coa súa desimputación

Xosé Clemente López Orozco
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 14:13

"Estou convencido de que se resolverán ao meu favor porque, como sempre dixen e manteño, son inocente", di sobre as súas restantes imputacións

   LUGO, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, considerou que, no auto da Audiencia Provincial polo que se arquiva definitivamente a denuncia contra el, "quedou clara" a súa inocencia, polo que se mostrou "moi contento" e reiterou a súa "confianza na xustiza".

   En concreto, nun auto notificado na xornada do xoves, a Audiencia Provincial de Lugo arquivou definitivamente a denuncia contra o rexedor que en 2011 motivara a súa imputación pola distribución da produtividade entre o persoal municipal.

   Esta resolución súmase aos arquivos doutras dúas causas nas que estaba imputado Orozco, como o caso Campeón ou a querela de Alpul por aldraxes e calumnias. Non obstante, Orozco permanece imputado na Operación Pokémon, que investiga unha suposta trama de pagamento de subornos a políticos para conseguir contratos públicos.

   Tras este último sobresemento, López Orozco afirmou este venres estar "moi contento pola desimputación que coñecía onte, nun auto da Audiencia Provincial" que, ao seu xuízo "paga a pena ler". No "quedou clara a miña inocencia", manifestou.

   Malia o arquivo desta denuncia, o rexedor reiterou a súa "confianza na xustiza" e aproveitou para expresar o "agradecemento" a "todos aqueles que sempre confiaron" nel. "Unha vez máis demostrouse que mi actuar foi un actuar conforme a lei", destacou.

   "Esta imputación procede do ano 2011, pasaron tres anos e é verdade que a xustiza ten os seus tempos", apuntou antes de mostrar o seu desexo de que "as outras imputacións se resolvan no menor tempo posible". "Estou convencido de que se resolverán ao meu favor porque, como sempre dixen e manteño, son inocente", proclamou.

AUTO

   No auto notificado o xoves e ao que tivo acceso Europa Press, a Sección Número 2 da Audiencia Provincial de Lugo considera que non se observan inicios coa entidade necesaria para poder presumir a existencia de infracción penal na repartición das cantidades a percibir, en concepto de produtividade, por diversos funcionarios".

   A xuízo da sala "non se derivan indicios de infracción penal" na distribución destas cantidades e recórdase "a libre elección do alcalde para tal repartición, que non implica dende logo, o amparo da arbitrariedade". "Unha arbitrariedade que, segundo a Audiencia Provincial, non aparece mínima amente acreditada".

   Por iso, a sala entende que, "non observando a presenza de indicios coa entidade suficiente para presumir a existencia de infracción penal, debe ser confirmada a resolución recorrida, coa consecuente desestimación do recurso interposto".

   En concreto, con este auto péchase definitivamente o caso pola distribución de produtividade do persoal despois de que se presentasen diversos recursos que foron desestimados pola Audiencia Provincial.