Louzán augura que "seguramente" estará nalgunha lista do PP malia facerse coa presidencia do fútbol galega

Actualizado: viernes, 19 diciembre 2014 18:18

PONTEVEDRA, 19 Dic. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Deputación de Pontevedra, o popular Rafael Louzán, asegurou que "seguramente" estará "en algunha lista do PP nas próximas eleccións municipais, en 2015, malia que este xoves foi elixido novo presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) e ratificou que non ten intención de deixar a política.

"O gran reto é presentar 62 candidaturas gañadoras (do Partido Popular na provincia) e seguramente vou estar nalgunha destas candidaturas", confirmou Rafael Louzán aos xornalistas durante unha rolda de prensa na Deputación.

Preguntado pola súa vitoria na asemblea da federación de fútbol, na que venceu a José García Liñares --alcalde socialista do municipio coruñés de Cerceda--, Louzán explicou que non hai incompatibilidade entre a súa nova responsabilidade e o cargo de presidente da Deputación, polo que compaxinará ambos os dous cargos, actuando con "transparencia".

Unha vez que conforme o seu equipo, Rafael Louzán quere coñecer polo miúdo a situación da federación para que empece a traballar con "absoluta transparencia". Entre outros obxectivos, proponse "cambiar moitos aspectos anquilosados", como o propio proceso electoral.

En canto á sede da Federación, indicou que ten pendente unha conversación co alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para coñecer o convenio para levantar unha sede na cidade herculina.

VESTIARIOS E BANCADA DO ALONDRAS

Ademais, na súa intervención, Rafael Louzán afirmou que a Federación Española de Fútbol ten unha "débeda histórica" coa galega.

Este mesmo venres a xunta de goberno do ente provincial aprobou a adxudicación dunha nova bancada e vestiarios no campo de fútbol do Alondras. En total, a Deputación financiou 114 campos de fútbol baixo a presidencia de Louzán.