Máis de 35.000 persoas sofren un corte de luz por unha avaría na subestación de Cangas (Pontevedra)

Actualizado: sábado, 4 diciembre 2010 21:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Dic. (EUROPA PRESS) -

Máis de 35.000 persoas, segundo cifras proporcionadas por Gas Natural-Fenosa a Europa Press, sufriron un corte de luz despois dunha avaría acontecida na subestación eléctrica de Cangas (Pontevedra) ás 17.45 horas deste sábado.

Segundo os datos de Gas Natural-Fenosa, ás 18.20 horas recuperouse "boa parte do servizo" que cifrou nunhas 22.000 persoas, á espera de que os técnicos consigan solucionar a avaría ao completo.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Clara Millán, apuntou 'grosso modo' que esta cantidade de prexudicados podería elevarse "polo menos ata uns 75.000 habitantes" xa que afecta tamén a zonas de Moaña, Bueu e Arcade.

En concreto, subliñou que espera que arredor das 21.30 horas o problema poida estar solucionado na súa totalidade, xa que ás 20.30 horas a localidade pontevedresa "se atopa sen luz", segundo afirmou.

Deste modo, Millán remarcou que polo momento se descoñece o motivo da avaría, aínda que as primeiras hipóteses apuntan a unha sobrecarga por "un pico" no consumo, motivado pola onda de frío que atravesa Galicia.

Así mesmo, a alcaldesa de Cangas reclamou que a compañía eléctrica a informe "por escrito" porque "habería que valorar moi seriamente se é lóxico que esta subestación estea a subministrar enerxía a tanta poboación".

Un equipo de A Coruña chegou á subestación para "aspirar toda a feluxe" producida por unha pequena explosión de dous tubos, que segundo resaltou Millán non deu lugar a "lume, nin ruído".