Manteñen a imputación a Áurea Soto e ao exalcalde de Ourense pero arquivan a causa para o actual rexedor

Actualizado: martes, 27 enero 2015 19:29

Tamén son desimputados os demais edís de PSOE e BNG e cargos nacionalistas do bipartito

OURENSE, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense mantén a imputación á exedila Áurea Soto e ao exalcalde Francisco Rodríguez por un delito continuado de prevaricación en relación aos contratos de asistencias técnicas denunciados pola CIG, e logo por USO e PP.

Nun auto coñecido este martes, o xuíz determina o arquivo provisional da causa para o actual alcalde, Agustín Fernández, e os outros oito imputados, e pide ao fiscal e á acusación particular os seus escritos nos que, ademais, soliciten a apertura de xuízo oral ou, pola contra, o sobresemento da causa, ademais de, excepcionalmente, algunha dilixencia máis.

Segundo o xuíz, o Concello de Ourense contratou cinco persoas na modalidade de asistencias técnicas, con contratos que "se foron prorrogando" no tempo a pesar de que nun determinado momento "todas as facturas presentadas polos contratados foron obxecto de reparo" polo interventor municipal".

Os reparos, segundo o auto, baseáronse na irregularidade en que se prestaban as asistencias técnicas "pois os contratados usaban as instalacións municipais para a súa actividade, contravindo así a lexislación vixente", ademais de irregularidades na forma de contratalos, posto que seguían a fórmula de "asistencias técnicas con sucesivas prórrogas que superaron o límite marcado pola lei".

Esta forma de contratar, segundo os argumentos do interventor recollidos polo xuíz, podía supoñer unha "fraude de lei" porque se as prórrogas se prolongaban "o Concello se vería obrigado a contratar esas persoas e convertelos en traballadores fixos".

REPAROS LEVANTADOS

O xuíz relata que o daquela alcalde Francisco Rodríguez "levantou unha e outra vez eses reparos" sen dar unha razón para facelo, e isto prolongouse "ata o actual rexedor Agustín Fernández, que puxo fin aos contratos o que motivou "tal como adiantara o interventor", que os traballadores afectados acudisen ao xulgado do social e que este declarase improcedentes os despedimentos, "o que levou aos máximos responsables municipais a optar pola readmisión, asinándolles o correspondente contrato".

O anterior constitúe un suposto delito continuado de prevaricación, que o xuíz atribúe ao exalcalde Francisco Rodríguez, por levantar "de forma continuada" os reparos que o interventor "mes a mes, formulaba ás facturas presentadas" polos traballadores contratados como asistencias técnicas".

O motivo do levantamento dos reparos, segundo o xuíz, si foi xustificado polo exalcalde imputado en sede xudicial, onde subliñou o "dereito dos traballadores a cobrar o servizo prestado ao Auntamiento".

"Sendo certa esa afirmación", para o xuíz, o "reproche" para o exalcalde agora imputado, é que non adoptase "as medidas necesarias para poñer fin a esa situación irregular xerada" e advertida "de forma continuada" polo interventor.

PERFECTOS COÑECEDORES

Ademais, o instrutor considera que o imputado era "perfectamente coñecedor" de que baixo a fórmula de asistencias técnicas "se disfrazaba" unha relación laboral ordinaria de forma que as facturas presentadas cada mes por cada un dos traballadores contratados "non era máis que un soldo mensual como o demostra o feito de que todos os meses as presentaban polo mesmo importe" --por erro, o auto pon "informe"--.

Os contratados "traballaban nas instalacións do Concello e gozaban de permisos e vacacións como os demais funcionarios". A imputación da exedila de Urbanismo, Áurea Soto, está xustificada polo xuíz por ser a "máxima responsables da área no que estiveron vixentes os contratos investigados" dende o ano 2008 ao 2013.

Era "perfecto coñecedor" da situación irregular que se xerou e "a pesar diso tampouco fixo a máis mínima actuación para poñerlle fin e prolongouse ata a chegada o cargo do novo alcalde".

O auto refírese ao actual alcalde, Agustín Fernández, para indicar que foi o que puxo "punto final" á situación irregular xerada polos contratos e aínda que "levantou algúns reparos formulados baixo o seu mandato polo interventor", o xuíz considera que non se lle podía esixir "que corrixise a situación irregular dun día para outro", polo que era lóxico que levantase eses reparos para pagar os traballos que realmente se fixeron.

O resto dos imputados manifestou en sede xudicial non ter "coñecemento en absoluto" da situación irregular e algúns "limitáronse a asinar o que lles poñía diante, o cal é reprochable ou censurable en representantes públicos, pero non contrario ao ordenamento xurídico penal".

Ademais, a maioría deles estivo moi pouco tempo no seu cargo, polo que o auto dita "sobresemento provisional e arquivo" da causa para Agustín Fernández, Iolanda Pérez, María Carmen Rodríguez, Andrés García Mata, Alexandre Sánchez, Xosé Somoza, Xosé Carballido, Manuel Herminio Iglesias e Xosé Fernando Varela.

O fiscal e a acusación particular ten dez días para presentar os seus escritos de acusación e pedir apertura de xuízo oral ou arquivo. Ademais, o auto pode ser recorrido.