Actualizado: lunes, 5 diciembre 2016 19:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Dic. (EUROPA PRESS) -

En Marea non participará nos actos do Día da Constitución Española, que se celebra este martes 6 de decembro. Así o anunciou este luns o seu voceiro parlamentario, Luís Villares, que xustificou esta decisión xa que o partido instrumental entende que "non hai nada que celebrar" dado o "esgotamento dun modelo baleirado de sentido".

Nunha comparecencia de prensa no Parlamento galego, Villares reclamou unha reforma da Constitución que inclúa o "recoñecemento ao dereito a decidir", a "blindaxe dos dereitos sociais" e a "supresión das Deputacións".

Deste modo, asegurou que o "ámbito nacional non avanza cos tempos que se viven", xa que tanto a "sociedade galega" como a "estatal" xa están "maduras" para afrontar unha reforma do texto constitucional.

Así as cousas, Villares apuntou que o recoñecemento dentro de carta magna de "dereito a decidir" debería producirse como resposta a unha "esixencia democrática", mentres que a "blindaxe dos dereitos sociais" achegaría aos cidadáns a "tutela plena e efectiva" por parte dos tribunais.

ELIMINACIÓN DEPUTACIÓNS

Así mesmo, apostou por acometer unha reforma do sistema institucional en España que elimine as deputacións, un ente "máis propio do século XIX que do XXI", que crean "distorsións" e "impiden ser eficaces" ás comunidades autónomas.

En relación a iso, criticou a figura da Deputación como unha institución de "lexitimidade democrática de segundo grao" que dificulta "o camiño ao federalismo", polo que defendeu que "a comarcalización" de Galicia sería "máis eficiente" que "a división provincial".

Por último, Villares tamén apuntou que En Marea defende cambios na Constitución como a reformulación do Senado así como o fin da Monarquía e a instauración da República.