Mareas locais toman como exemplo a "boa praxe" de Santiago e A Coruña para iniciar a carreira cara ás municipais

Martiño Xosé Vázquez e Martiño Noriega
OURENSE EN COMÚN
Actualizado: sábado, 18 noviembre 2017 19:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

Máis dun centenar de persoas vinculadas a distintas mareas locais tomaron como exemplo a "boa praxe" dos gobernos de Santiago e A Coruña para iniciar a carreira cara ás eleccións municipais que terán lugar en 2019.

Ourense acolleu este sábado o encontro 'Hai Mareas', no que integrantes de distintos movementos municipalistas compartiron ferramentas, metodoloxías e experiencias co obxectivo de "mirar cara a 2019 desde a boa praxe" destes consistorios "ao servizo da cidadanía".

O acto organizado por Ourense en Común, foi aberto polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen xunto ao portavoz da marea ourensá, Martiño Vázquez, puxo de manifesto a "necesidade de compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo" para "aprender e reivindicar" a capacidade do municipalismo "na transformación da autonomía social e local".

Con este obxectivo, durante a mañá, distintas mesas de traballo abordaron de forma simultánea as metodoloxías organizativas de cada proceso municipalista, as experiencias participativas desenvolvidas na Coruña e Santiago, así como o funcionamento interno das propias institucións coas vivencias en primeira persoa de edís da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea de Vigo e Ourense en Común.

"LIMPAR AS INSTITUCIÓNS"

O evento foi clausurado polo rexedor herculino, Xulio Ferriero, e a edil de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, quen apostaron por "máis e mellor municipalismo" para "limpar as institucións de corruptos".

Xuntos avaliaron o "nefasto goberno" do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (PP), ao que acusaron de ter "á cidade paralizada" e contrapuxérono cos "bos exemplos" da Coruña, Santiago ou Ferrol. "Pódese ter renda municipal, pódese ser transparentes nas contratacións, pódese facer que ningún neno quede atrás e poidan comer nas súas escolas", aseguraron.

Ademais, os participantes incidiron na necesidade de "abrir aínda máis" as institucións á participación cidadá e analizaron o camiño percorrido polo municipalismo até a actualidade e os retos que se expoñen de cara á cita electoral de 2019.