Marín dedica unha praza a Carmen Pesqueira 'A Capirota' para "restaurar a memoria" das vítimas da represión

Acto celebrado en Marín en homenaxe a Carmen Pesqueira 'A Capirota'
EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 18 agosto 2018 16:51

   PONTEVEDRA, 18 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A bisnieta de Carmen Pesqueira Domínguez 'A Capirota', Miriam Lorenzo, e a alcaldesa de Marín (Pontevedra), María Ramallo, descubriron unha placa nunha nova praza que agora leva o nome da "muller valente e loitadora polos dereitos dos traballadores" --como figura na inscrición-- que foi fusilada o 18 de agosto de 1936 no Pozo da Revolta. "É un milagre que nos xuntemos aquí para restaurar a memoria", afirmou a escritora Xina Veiga durante o acto.

   Máis de medio centenar de marinenses reuníronse para inaugurar este espazo, cumprindo así un acordo unánime do Pleno da Corporación do pasado mes de maio. "Hoxe en día a miña familia sente que a miña bisavoa non quedou no esquecemento", afirmou unha emocionada Miriam Lorenzo, destacando que Carmen Pesqueira foi "unha persona independente, traballadora e loitadora polos dereitos da muller".

   O seu avó, fillo "de solteira" de Carmen Pesqueira, e que só tiña 4 anos cando 'A Capirota' foi asasinada, "quería moito á súa nai pero sufría e sentía dor porque nunca atopaba unha resposta, un por que" á súa morte, lamentou esta descendente da veciña homenaxeada.

   A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín lembrou que Carmen Pesqueira foi represaliada "covarde e vilmente por oporse a que fosen golpeadas as persoas maiores que non erguían o brazo ao soar a Cara ao sol".

   A presidenta desta entidade, Queta Molas, resaltou que con este acto o pobo de Marín "restitúe" a memoria das vítimas fronte ao "medo" que había por feitos similares en localidades próximas como Bueu, Cangas ou Pontevedra, onde o día anterior fusilaran ao dirixente galeguista Alexandre Bóveda.

   "Faise xustiza á ignonimia da súa morte", asegurou Queta Molas sobre a figura de Carmen Pesqueira, cuxa "voz reivindicativa" a favor "do respecto e os dereitos" segue vixente a día de hoxe.

SÍMBOLO

   Nunha emotiva intervención a modo de carta, Xina Veiga --vinculada a Marín pola orixe do seu tío Urbano Rodríguez Moledo, fusilado en Vigo o 10 de decembro de 1936-- censurou o "crime" da Capirota "por situarse ao lado dos débiles", e lembrouna como un "símbolo de muller libre e traballadora, exemplo de radical humanidade".

   Citando datos do historiador Dionisio Pereira, Xina Veiga explicou que o número de persoas represaliadas rolda as 14.700, das cales 635 foron mulleres, sendo 71 as asasinadas. No entanto, a violencia foi "cualitativamente superior" que a exercida sobre as vítimas masculinas, sinalou.

   Así, entre as "cotas de bestialidade" alcanzadas, a autora denunciou casos de violación grupal e de mutilación, como sufriu 'A Capirota', cuxos seos foron "seccionados" e o seu corpo "exhibido por Bueu e tirado na rúa".

   Xina Veiga referiuse aos promotores da Asociación pola Memoria Histórica de Marín como "heroes civís" e eloxiou a "sensibilidade" da Corporación marinense por "crear cultura cívica e democrática" a través desta celebración.

   Pola súa banda, a alcaldesa rexeitou o "ataque inexplicable" exercido sobre Carmen Pesqueira: unha muller "valente que dignifica a nosa esencia". "O seu sacrificio remove conciencias", afirmou a rexedora municipal, e fai posible que na actualidade os cidadáns poidan "gozar de non ser perseguidos" polas súas ideas.

   A homenaxe e a ofrenda floral contaron coas intervencións do dúo Xistra e do grupo de música tradicional Picuiña, que interpretou o Himno de Riego durante o descubrimento da placa.

   Tamén asistiron concelleiros da Corporación marinense, o deputado autonómico do BNG Luís Bará ou a escritora e xornalista Montse Fajardo, autora de obras relacionadas coa memoria histórica como 'Un cesto de mazás', 'Invisibles' ou 'Matriarcas'.