A mediación dos Reis de España logra que o Sergas cite un neno ourensano con problemas de crecemento

Actualizado: martes, 30 septiembre 2014 18:26

A chamada produciuse no mesmo día en que a nai recolleu a carta da Casa Real en Correos coa resposta dos monarcas

OURENSE, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

A mediación dos Reis de España logrou que o Sergas chamase á casa da ourensana Rocío Cabanelas Montero para comunicalo que ten cita para levar ao Hospital Clínico de Santiago ao seu fillo Ismael, que padece problemas de crecemento, para unha nova consulta cun pediatra endócrino.

Segundo explicou Cabanelas a Europa Press, este martes recolleu en Correos unha carta enviada pola Casa Real, tal como lles prometera dona Letizia cando lle explicaron en persoa a situación do neno e entregáronlle unha carta, recortes de prensa e documentación, aproveitando a visita dos Reis ao colexio Ben Cho Sey de Pereiro de Aguiar (Ourense), onde os monarcas inauguraron oficialmente o curso escolar en España.

"Dona Letizia prometeu respondernos e así fíxoo, pois onte nos deixaron na caixa de correo un aviso de carta certificada, porque non estabamos na casa, e hoxe fun buscala e nela explícanos que deron traslado do tema ás consellerías de Sanidade e Traballo e Benestar Social", detallou.

Sobre as 13,00 horas deste martes, a familia de Ismael recibiu unha chamada da Consellería de Sanidade, segundo dixo Rocío, para citalos o venres día 3 en Santiago de Compostela, para unha consulta. Para a nai de Ismael "está claro" que é máis efectiva a Cara Real que unha petición propia, e detallou que o neno foi diagnosticada por unha doutora do mesmo centro hospitalario ao que a citan agora.

"A médica que diagnosticou o déficit de hormona do crecemento, levou o tema de Ismael a un comité médico da Consellería para que se autorizase a subministrarlle o tratamento correspondente, pero fracasou despois de tres intentos así que decidimos pagar nós esa medicación", relatou Cabanelas.

A nai do neno viuse en situación de paro, sen a axuda do pai do menor, e nunha casa na que os únicos ingresos son os do avó do neno, así que acudiu a Internet para dar a coñecer o caso do pequeno e animar a solidariedade ante a súa doenza.

SUPERVISIÓN

Hai dous meses comezou a recibir o tratamento, supervisado por un médico dunha clínica privada de Teo (A Coruña), e cun custo de 500 euros ao mes que, segundo sinalou Cabanelas, se sufraga coa axuda "de todo o mundo", dende os veciños de Bentraces -onde viven- ata as doazóns anónimas nunha conta bancaria.

"Se agora o Sergas decidise asumir, por fin, o custo do tratamento, sería todo un respiro", concluíu e recordou que, polo menos, outros 17 nenos de Ourense están no mesmo caso ou parecido.