Medio centenar de pensionistas retornados piden en Santiago a devolución do "roubado" por Hacienda

Protesta de pensionistas retornados ante la Agencia Tributaria
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 14:49

Rexeitan aboar o IRPF dende 2008 e advirten de que seguirán con protestas tras "unha vida de loita na emigración"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

Medio centenar de emigrantes retornados con pensións procedentes do estranxeiro protagonizaron este martes unha nova mobilización en Santiago para reclamar a devolución do "roubado" por Hacienda.

Ataviados con pancartas nas que expresaban o seu sentir de que os emigrados están a ser "dobremente estafados" e nas que demandaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tomase cartas no asunto, facían fincapé en que "non" son "defraudadores".

De feito, o responsable da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes retornados, Manuel Domínguez, explicou aos xornalistas que a asociación non se conforma coa decisión do Consello de Ministros de retirar as sancións aos pensionistas.

"Á Xunta parece que lle chega, pero a nós non porque seguimos discriminados", subliñou, e pediu tamén que se supriman os atrasos por non declarar as pensións do estranxeiro dende 2008. "Fan leis chafalleiras, que esconden e despois sacan, actuando como raposos que entran nun galiñeiro", reprobou.

Tras deixar claro que os retornados "non" o van consentir, Domínguez advertiu de que, tras "unha vida de loita na emigración", non lles importa "pasar agora algún ano, ou o que quede de vida" para defender un diñeiro "gañado honradamente" na diáspora.

"NON FOMOS LEVAR O DIÑEIRO A SUÍZA"

"Nós non fomos levar o diñeiro a Suíza, trouxémolo de Suíza para aquí", resaltou, e recomendou a Hacienda que persiga aqueles que "especulan" ou teñen "diñeiro negro". "Nós non o temos e non temos por que seguir con estas inxustizas", abundou.

Por iso, pediu que se revisen os convenios bilaterais con outros países e que se modifique a Lei tributaria. Porque, como formulou Domínguez, os pensionistas retornados pagan "a cantidades iguais, máis impostos" que os xubilados que non emigraron.

"Mentres non modifiquen iso, estaremos na rúa, na loita", ameazou, sen deixar de requirir a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, que "defenda" os "intereses" dos pensionistas galegos ante o ministerio do ramo. "Non podemos admitir que se abuse de nós deste modo", finalizou.

PROTESTA

Con estas formulacións, a plataforma de emigrantes retornados de Santiago marchou en manifestación dende as inmediacións da Xunta, en San Caetano, ata a sede da Axencia Tributaria, en Salgueiriños.

Polo camiño, cánticos de 'Nós a emigrar e eles a roubar', 'Montoro, ladrón, vai ti á emigración' e 'Feijóo, defende os nosos cartos e déixate de narcos' para denunciar "un ano de aldraxes" e "dun trato vexatorio e discriminatorio" por parte de Hacienda.

O acto concluíu coa entrega de sinaturas en Hacienda para pedir o citado cambio normativo, co obxectivo de impedir que les "amarguen os últimos anos de vida" obrigándoos a pagar un diñeiro que, en moitos casos, "non" teñen. "Que atendan as nosas xustas peticións", proclamou Domínguez na lectura do manifesto.

UN SUICIDIO

Ademais, anunciou que pronto haberá "unha manifestación multitudinaria" para reclamar os seus "dereitos" e que o día 13 se mobilizarán en Coristanco (A Coruña) a xeito de "homenaxe" a unha señora que "se suicidou" o pasado ano por non poder afrontar o pagamento.

"Pedíanlle 4.000 e pico euros e ela só tiña 1.000", relatou Manuel Domínguez, antes de indicar que, de media, a cada pensionista se lle requiren uns 10.000 euros. "E cando non os tes, é muchísimo", recalcou, aínda que "para Bárcenas e para os do PP é pecata minuta".

"NON SOMOS DEFRAUDADORES"

Á marcha deste martes acudiu Víctor Barbeiro, emigrado en Suíza durante 16 anos, que agora se enfronta a unha petición de bastante diñeiro, que prefire non concretar e que xa pagou. Agora pide que ao "devolvan", pois xa lle descontan en Suíza o correspondente pola percepción da súa pensión.

Pola súa banda, Pilar Fernández, que estivo en Francia oito anos, explica que "sempre" lle dixeron que non metese o seu "pequeñita paga" do estranxeiro na declaración da Renda ata que o ano pasado recibiu unha carta reclamándoo o de "catro anos atrás".

"Foi un pau", recorda, xa que ninguén lle comunicou o cambio normativo que o obrigaba a declaralo en España. "E se me pagan de Francia é porque alí di o calo", subliña.