VIGO 21 Nov. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Comisión Constitucional do Congreso e ex vicepresidente do Goberno, Alfonso Guerra, cualificou hoxe a actuación do xuíz Baltasar Garzón con respecto á escavación de foxas con represaliados da Guerra Civil como unha "operación propagandística" e recordou que "os xuíces non poden ir por libre".
En declaracións aos medios tras realizar unha visita institucional ao Concello de Vigo, Guerra apuntou que transcorrera "moi pouco tempo entre que pensou que debía facelo e que non debía facelo", e que en todo, "o fondo da cuestión" é que os familiares deses falecidos teñen "dereito humano, cristián -se son cristiáns-- e político" a levar eses restos a un cemiterio. "Pero de aí a pasar a operacións máis propagandísticas...", apuntou.
Nese sentido criticou a Garzón por dicir "hoxe o fago todo e catro días despois non podo facelo", e instou o xuíz a ser "máis rigoroso". Así, Alfonso Guerra aseverou que os xuíces "están sometidos ás leis", como as de amnistía ou a propia de Memoria Histórica e "poden impulsar as xestións que teñen que facer as institucións, como o Goberno de España, pero o que non poden facer é ir por libre".