SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 May. (EUROPA PRESS) -
O presidente de A Mesa, Carlos Callón, asegurou que a súa organización fará "tódalas denuncias" que estean na súa man contra a Lei orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recorra esta norma e deixe de actuar "como delegado do Goberno".
"Xa chama a atención que aprobándose unha lei contra o galego o día das letras galegas, o presidente da Xunta non dixese nada", criticou Callón en declaracións aos medios.
O voceiro de A Mesa insistiu en que "a Xunta de Galicia debe recorrer" a "mal chamada Lei de Calidade Educativa", e "actuar en defensa da lingua galega" ante unha norma que o "ataca gravemente". "Alberto Núñez Feijóo actúa como delegado do Goberno, e delegado do Goberno xa hai. Ten que actuar como presidente da Xunta", insistiu.
Neste sentido, explicou que ao tratarse dunha lei orgánica o procedemento "é diferente" e algo máis restritivo para as entidades que non sexan as propias Comunidades Autónomas ou unha parte dos deputados. A pesar diso e en caso de que a vía xudicial continúe "pechada", asegurou que acudirán "á vía internacional", dado que a Lomce "vulnera tratados internacionais de dereitos lingüísticos".
Preguntado sobre as declaracións do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, nas que se mostraba partidario de recorrer a norma, Callón considerou "moi positivo que critique esta lexislación tan lesiva" contra o idioma e a cultura.
"O fundamental e máis importante é que a Real Academia Galega se active en defensa do idioma, e todo o que vaia nese camiño nós estaremos a aplaudir e festexando", sinalou.