SANTIAGO DE COMPOSTEla, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe o material que comezou a distribuír con motivo do Día das Letras Galegas polo que insta a toda a sociedade a pintarse a lingua de azul o próximo 18 de maio, xornada na que celebrará unha manifestación en Santiago de Compostela polo "dereito a vivir en galego".
Deste modo, a organización en defensa do galego repartirá un total de 20.000 carteis, 10.000 adhesivos e 10.000 folletos e tamén ten previsto sacar adhesivos para os vehículos co lema da manifestación, que terá lugar en Santiago de Compostela un día despois da celebración oficial da festividade.
En rolda de prensa, o presidente da Mesa, Carlos Callón, e o responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, deron a coñecer os detalles dos soportes materiais do próximo 18 de maio, que dan un novo "impulso" a esta convocatoria.
Deste modo, na portada dos folletos aparece unha moza cunha piruleta azul e a lingua pintada da mesma cor, co obxectivo de apelar a todas as persoas sensibles ao galego, que, aínda que non o utilicen de forma habitual, "sí perciben a discriminación que sofren as persoas que queren vivir 365 días ao ano en galego".
CRUZAMENTO DE CAMIÑOS.
Segundo recordou Callón, o galego "non está nunha situación calquera" da súa historia, senón no seu "peor momento". Na súa opinión, atópase nun cruzamento de camiños e dos "galegos depende" o destino da lingua: "se queda relegado a un uso residual ou, pola contra, se normaliza".
Neste sentido, destacou que A Mesa recibiu "70 apoios" de asociacións veciñais, xuvenís e concellos, dos que algúns deles son aínda provisionais, pero que serán ratificados "nos próximos días". Ao respecto, Rei subliñou que o Concello de Ferrol xa se adheriu ao manifesto da Mesa e Callón asegurou que nos próximos días tamén o farán noutras cidades da Comunidade galega.
ADMINISTRACIÓN HIPÓCRITA.
Fronte a esta situación, criticou a postura "hipócrita" de certos sectores da Administración autonómica, como "a Consellería de Presidencia". Callón, apuntou o paradoxo de que "Méndez Romeu vaia seguramente o sábado (17 de maio) a poñer flores á tumba de Blázquez Álvarez (homenaxeado este ano)" pero mentres "os programas informáticos do seu departamento non permiten escribir en galego, nin os topónimos".
A estas críticas, sumou á Secretaría Xeral de Política Lingüística e retou aos cidadáns a "buscar as sete diferenzas entre o departamento dos gobernos do PP e o actual". "Sería difícil este concurso", sentenciou.
Ademais, alertou sobre "certos colectivos e partidos", concretamente "o PP e as súas organizacións satélites", que "queren que o galego despareza", polo que reiterou o seu chamamento á poboación para "para que iso non triunfe".