A Mesa xunta nun documental vulneracións dereitos lingüísticos contados polos seus protagonistas, que "moven o mundo"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 6 mayo 2008 16:13

SANTIAGO DE COMPOSTEla 6 May. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística reuniu nun documental diferentes casos de discriminación lingüística contra o galego na que os seus protagonistas contan como deciden enfrontarse a estas situacións. Estas persoas son, para a asociación en defensa da lingua, os motores que na súa defensa dos dereitos "moven o mundo".

Nun comunicado de prensa, A Mesa recordou que se acaba de estrear o documental, baixo o nome 'Galiza somos. A lingua en movemento', que se enmarca nas actividades promovidas con motivo da celebración do Día das Letras, que culminará cunha manifestación o 18 de maio en Santiago de Compostela --un día despois do festexo-- á que está chamada "toda a sociedade" polo "dereito a vivir en galego".

Na fita, abórdanse casos concretos como o dunha muller expulsada da consulta dun médico por usar o galego, a loita das nais de Palmeira en defensa da escolarización do idioma propio para os seus fillos ou a sanción que recaeu sobre a empresa Erica Mel por etiquetar en galego.

Tamén se tratan "innumerables" trabas que se atoparon cidadáns para casarse en galego, as campañas de mozos de Brión (A Coruña) para que a telefonía móbil use o galego ou a loita do pobo de Lubián en defensa do galego, malia que a súa lingua "non ten recoñecemento oficial por atopase na provincia de Zamora".

Con esta fita, A Mesa non pretende realizar un arquivo de discriminacións senón "escoller unha serie de casos paradigmáticos e contalos". O documento 'Galiza somos' conta co apoio da Consellería de Cultura e foi realizado por Iceberg Produccións.

Contenido patrocinado