Morre un home de 66 anos nun accidente de tráfico en Mesía (A Coruña)

Publicado 13/03/2018 14:21:45CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un home de 66 anos faleceu nun accidente de tráfico ocorrido na mañá deste martes na localidade coruñesa de Mesía, onde chocou un turismo e un camión frigorífico.

Segundo informou a Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o suceso ocorreu pasadas as 12,00 horas na N-634, ao seu paso pola parroquia de Cumbraos.

Até a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Ordes e do GES de Curtis, que tiveron que liberar á vítima, atrapada no turismo. Tamén acudiu unha ambulancia asistencial do 061 e persoal sanitario do centro de saúde de Sobrado, que non puido facer nada por salvar a vida do home.

Como consecuencia do impacto, viuse afectado un poste eléctrico, que quedou arrincado pola base e colgado dos cables. Por iso, desde o 112 informouse á empresa encargada da subministración eléctrica.