Morre un neno de 12 anos ao caer desde a xanela dun edificio en Ponteareas

Publicado: lunes, 27 febrero 2017 19:37

VIGO, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

Un neno de 12 anos faleceu na tarde deste luns na localidade pontevedresa de Ponteareas ao precipitarse desde a xanela dun edificio, sen que os efectivos de emerxencias puidesen facer nada por salvar a súa vida.

Segundo informou a Europa Press fontes do CAE 112 Galicia, sobre as 15,30 horas deste luns un particular alertou de que un neno caera desde o alto dun edificio cara á Praza da Perillana, en Ponteareas.

O 112 deu o aviso aos Bombeiros de Ponteareas, á Policía Local, á Garda Civil, e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou unha ambulancia. Inicialmente íase a mobilizar tamén un helicóptero medicalizado, pero ao confirmarse a morte do menor, a súa intervención foi suspendida.

Ata o lugar mobilizáronse, así mesmo, psicólogos Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce), para atender aos achegados do menor, cuxo domicilio familiar se sitúa na sexta planta do edificio do que caeu. De momento, descoñécense as circunstancias do accidente.