A mostra 'As nosas palabras, os nosos mundos' reivindica na Coruña "a creatividade galega" en distintas versións

A visita á cidade herculina acollerá como novidade unha cabina de dobraxe en galego

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 15 diciembre 2008 18:18

A CORUÑA, 15 Dic. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, inaugurou hoxe no Kiosko Alfonso da Coruña a mostra itinerante 'As nosas palabras, os nosos mundos', que permanecerá aberta ata o 4 de xaneiro.

Tras alcanzar unha "moi boa" acollida ao seu paso por Santiago, Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas, Vigo e Madrid, a exposición reivindicará na cidade herculina "a creatividade galega" e achegará aos visitantes "a vitalidade da lingua galega na música, o cinema, a televisión, a publicidade, as artes plásticas e a literatura", segundo informou López.

A secretaria xeral de Política Lingüística explicou que a exposición pretende contribuír a dar a coñecer a creatividade que existe en galego hoxe en día; "contribuír ao que para moitos, mesmo dentro de Galicia, segue sendo un descubrimento: que en galego hai boa literatura, boa música, desenvolvemento de aplicacións informáticas e de ferramentas para os idiomas, blogs, teatro e industria audiovisual".

Na inauguración, López avogou por que o galego "siga recuperando os espazos dos que se lle relegou historicamente", algo que debe facer "dende a valoración e o respecto á diversidade lingüística que hoxe se dá en todos os territorios, dende o convencemento de que é a ferramenta colectiva esencial para a construción do diálogo social". Do mesmo xeito, apelou á consideración da lingua "como unha riqueza propia e un valor global nun mundo".

A inauguración contou coa presenza da concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, que presentou o acto; a concelleira de Normalización Lingüística, Ermitas Valencia, que destacou a importancia de valorar o galego; o comisario da mostra, Anxo Lorenzo; e a artista galega Mercedes Peón que se encargou de pechar o acto coa presentación do seu último traballo 'Silhá' co que incidiu en que "non hai orixinalidade sen orixe" e na importancia de "facer valer o noso, que ás veces parece que non é nada".

A MOSTRA

Os visitantes da exposición atoparán secuencias sobre cinema, publicidade e animación en galego, videoclips musicais nos puntos de escoita de música galega. A televisión e a radio tamén teñen cabida na mostra, coas producións audiovisuais máis significativas feitas en Galicia. Ademais, o percorrido expositivo mostra a presenza de Galicia no ciberespacio, a través de pantallas nas que consultar os principais recursos lingüísticos na rede.

Como novidade na súa estrea na Coruña, a exposición contará cunha cabina de dobraxe na que se poderá coñecer de preto o proceso de dobraxe das producións audiovisuais. Durante toda a semana, os asistentes recibirán unha explicación sobre esta técnica por parte de profesionais e poderán mesmo realizar unha pequena práctica para poñelo voz galega a algúns dos personaxes máis populares.

A mostra estrutúrase en catro partes: 'As orixes', 'Isto é galego', 'As nosas palabras, os nosos mundos' e 'A nosa lingua na nosa vida'. O primeiro achega o nacemento da linguaxe e as canles de evolución do galego; o segundo permite viaxar a través da historia do galego; o terceiro achega as diferentes linguas ao visitantes; e o último mostra exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.

Contenido patrocinado