Nace a Assembleia Nacional Galega, unha entidade apartidaria que promoverá un carné de identidade e votacións simbólicas

Assambleia Nacional Galega (ANG)
EUROPA PRESS
Publicado: martes, 23 enero 2018 13:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ene. (EUROPA PRESS) -

Unha vintena de persoas impulsou o nacemento da Assembleia Nacional Galega (ANG), unha entidade que se define galeguista e apartidaria e que ten entre os seus obxectivos a promoción da cultura, o medio ambiente e a economía galega. Neste sentido, aposta por promocionar deportes propios de Galicia, un carné de identidade para "os que o queiran" e votacións simbólicas no que sería o "día da autoderminación".

Este martes a coordinadora provisional deu a coñecer esta iniciativa que en outubro do pasado ano viu validados os seus estatutos, que inclúen un código ético no que, entre outras cuestións, impide compatibilizar calquera outro cargo en calquera entidade ou asociación con esta entidade.

Tamén nos textos fundacionais desta entidade, que marcan distancias coa ANC a pesar das similitudes na nomenclatura, se explicita que o financiamento da asemblea galega será exclusivamente a través das cotas dos seus socios e de doazóns de persoas individuais, de maneira que quedan excluídas as subvencións públicas ou de empresas ou colectivos. Tampouco haberá ningún cargo remunerado e está expresamente vetada a presenza de persoas con delitos, como violencia machista.

A ANG preséntase como un espazo "aberto", á marxe de "sectarismos" e "transversal", por iso é polo que se definan como galeguistas e progresistas, pero non se identifican con ningunha formación política e foxen de que se lles encasillen con formacións de ningún tipo ou sindicatos.

Na presentación ante os medios da ANG, que precede a un acto en Santiago de Compostela (en Vite) este sábado a partir das 17,00 horas, un dos impulsores da iniciativa, que conta actualmente con 24 socios, Manuel Miragaia, apuntou que impulsarán que se recoñeza ao conde Vímara Peres no rueiro das cidades que contribuíu a fundar ou impulsar, como Guimaraes (Portugal).

"PÓR EN VALOR O PAÍS"

Como explicou Arturo Novo Velo, tamén membro da asemblea, explicou que os obxectivos son "pór en valor o país desde un punto de vista progresista", impulsando a lingua, a cultura e a identidade, coa lingua galega en "norma internacional" como vehicular, aínda que se aceptará calquera forma de uso de galego.

A coordinadora provisional da asemblea, Mar López, subliñou as dificultades para "legalizar" os seus estatutos, o cal achacou a que a Xunta non tiña "interese" en que nacese este "grupo de presión" --en palabras de Manuel Miragaia--, e chamou á participación da muller nesta asemblea.