Terreos da mina de Touro
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 19 abril 2018 19:33

Unha directora xeral afirma isto sobre a documentación recibida, pero entende que as carencias "van ser emendadas" polo promotor

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

As medidas correctoras que propón a empresa que quere explotar a mina de Touro, para rexenerar o terreo afectado, non están "suficientemente claras" na documentación "inicial" remitida polos promotores.

Así o indicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, na comisión de medio ambiente do Parlamento, onde engadiu que entende que estas carencias "van ser emendadas" polos promotores, que son as compañías Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas.

En resposta ao viceportavoz de En Marea Antón Sánchez, quen acusou á Xunta de estar "a ser cómplices coa súa pasividade" da "hipoteca ambiental" que deixan este tipo de proxectos, a directora xeral aseverou que "non se pode dicir de antemán se se vai a apoiar ou non se vai a apoiar a mina de Touro".

Neste sentido, explicou que son "até 15 departamentos" os que estudan e terán que emitir informes sobre a documentación recibida, xa que se trata dun proxecto de "extraordinaria envergadura".

Pola súa banda, considerou que "hai cuestións que nesta documentación inicial non quedan suficientemente claras", en relación ás medidas correctoras, que "non quedan suficientemente explicitadas".

"NON PARA DAR TITULARES"

Con todo, indicou que cre que "van ser emendadas polo promotor". "Creo que daría moitísimos máis titulares que dixese o Goberno non vai apoiar ou vai apoiar a mina de Touro, pero un goberno non está para dar titulares, está para que lle expoñan un proxecto, estudalo de forma pormenorizada, establecer requirimentos aos promotores e que todo estea axustado á lexislación vixente", resolveu.

Neste sentido, finalizou que a Xunta dirá "non" se o proxecto "non cumpre con todas as garantías que a lexislación establece", pero dirá "si" no caso de que as cumpra.

VIVENDAS SEN ACABAR

Por outra banda, na mesma comisión, a socialista María Pierres preguntou por actuacións da Xunta ante as 50.000 vivendas que, segundo os datos que achegou, hai en Galicia sen acabar.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, respondeu cunha serie de axudas que dispón a Xunta, así como con medidas lexislativas destinadas a facer fronte a esta problemática na comunidade.