A nova depuradora de Vigo ocupará a mesma superficie que a actual e incluirá a recuperación da xunqueira

A obra, cun custo de 235 millóns de euros, comezará o ano que vén para que a EDAR empece a funcionar en 2011

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 17 noviembre 2008 16:39

VIGO, 17 Nov. (EUROPA PRESS) -

A nova depuradora do Lagares en Vigo ocupará practicamente a mesma superficie que a actual planta --6,7 hectáreas, fronte ás 6 hectáreas actuais -- , e terá "máis capacidade sen necesidade de ampliar as instalacións", debido a que dispón da "última tecnoloxía" en depuración e tratamento de augas, segundo explicou hoxe a ministra de Medio, Elena Espinosa.

A ministra, que presentou hoxe o anteproxecto da planta acompañada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero; manifestou que os traballos de construción desta nova estación depuradora son unhas obras "longamente esperadas polos vigueses".

Así, insistiu en que a nova planta, cuxos edificios terán unha altura máxima de 17 metros, non ocupará máis espazo que a actual e que terá capacidade para depurar augas residuais dunha poboación duns 800.000 habitantes. Así mesmo, o anteproxecto inclúe a construción dun novo emisario submarino, unha nova acometida eléctrica de máis de tres quilómetros, unha zona de xardíns públicos e tres hectáreas de zona verde, ademais da recuperación da marisma do Lagares.

Segundo explicou Espinosa, a maior parte das instalacións da nova planta irán soterradas, de feito, todo o proceso de tratamento primario e parte do secundario se farán baixo terra; tamén haberá un aproveitamento dos gases derivados do proceso de dixestión anaerobia da depuradora para a obtención de enerxía. En definitiva, a ministra destacou que se trata dunha depuradora "máis eficiente, con menor consumo de enerxía e tecnoloxicamente máis limpa".

A obra terá un custo de 235 millóns de euros, dos que o ministerio achegará 112 millóns, mentres que a Xunta cofinanciará os traballos con 73 millóns e o Concello cuns 18 millóns de euros; a eses gastos hai que sumar o custo do emisario.

PRAZOS

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, explicou que o convenio entre as tres administracións para establecer os criterios de financiamento da obra se asinará de forma "inmediata", de modo que en marzo do ano que vén se poida licitar a obra e adxudicar os traballos antes do verán. Segundo este calendario, a nova depuradora entrará en funcionamento en 2011.

Touriño afirmou que as instalacións presentadas hoxe supoñen "a máis moderna infraestrutura de saneamento acometida nunca en Galicia", e que é unha "solución óptima, de futuro e coa mellor tecnoloxía". Así mesmo destacou a "mínima afección visual e ambiental", e a posibilidade de recuperar a xunqueira do río.

O presidente da Xunta aproveitou para repasar as actuacións do Goberno galego en materia de saneamento das Rías, cunha inversión de máis de 275 millóns de euros, e subliñou o "compromiso do Goberno galego con políticas de desenvolvemento sostible", tanto no ámbito da depuración, coma no paisaxístico, ou no da ordenación do territorio.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, destacou que o Goberno municipal formulara tres condicións para a nova depuradora do Lagares: a mellor tecnoloxía, o mínimo impacto visual e. a suficiente capacidade. Segundo o rexedor, este anteproxecto "cumpre sobradamente" con estes requisitos e é "a mellor solución posible, ocupando o mesmo espazo que a actual depuradora".

Contenido patrocinado