Nove buques galegos deberán abandonar Mauritania tras rescindir o acordo coa Comisión Europea

Rosa Quintana, conselleira de Pesca
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 31 julio 2014 16:57

Existe un "compromiso polas dúas partes" de empezar a negociar un novo acordo pesqueiro para os próximos anos a partir de setembro

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

Galicia ten nove buques afectados que deberán abandonar as augas de Mauritania tras rescindir o acordo coa Comisión Europea, segundo informou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Entre os barcos afectados atópanse cinco de palangre de fondo, dous de palangre de superficie e dous de demersales.

Neste sentido, Mauritania decidiu que todos os barcos que levasen 24 meses traballando no caladero "tiñan o acordo saldado". Así, o país africano pedía 28 millóns de euros como contraprestación para que puidesen traballar ata o 15 de decembro, cantidade que a Unión Europea "non ten presupostada nin dispón de tela".

Ademais, Quintana engadiu que a cantidade que hai que pagar para acceder a unha explotación debe de compensar aos rendementos que se obteñen" na actividade pesqueira". Polo tanto, acordouse que os barcos que leven 24 meses faenando ten que "abandonar hoxe o caladero", e os outros poden continuar ata o 15 de decembro.

Así mesmo, a conselleira anunciou que existe un "compromiso polas dúas partes" de empezar a negociar un novo acordo pesqueiro para os próximos anos a partir de setembro.

ACORDO

A conselleira recordou que a sinatura do acordo pesqueiro con Mauritania foi un "tema moi debatido e complicado", e o tema que se tratou é que os mauritanos consideraron que o convenio entrara en vigor en xullo de 2012 e a Comisión Europea entendeu que era en decembro, por iso existen unha serie de meses en discusión.

Quintana anunciou que a Secretaría Xeral de Pesca de Madrid comentou que "entre hoxe e mañá" (en referencia ao xoves e venres) farao chegar ao sector un borrador de orde habilitando os pagamentos por paradas temporais. Ademais, a conselleira anunciou que están a traballar en atopar a solución que quere o sector que é "buscar posibilidades de dedicarse a outros caladeros".

Neste sentido, avanzou que para poder recolocar a estes buques "está a punto" de comezar a posibilidade de traballar en Marrocos, ademais da "posibilidade case aberta" en Guinea Bissau.

NEGOCIACIÓN

A conselleira do Medio Rural e do Mar considerou que "hai que negociar ben as cousas" polo que non se pode pagar por algo que "non compense aos armadores e mariñeiros". Así, avisou que hai que sentar con fundamento" cos mauritanos, acreditarlles o "ben que traballou a flota" e presentarlle o plan de xestión que hai previsto para que "recuperen o cefalópodo" nas súas augas".

Ademais, Quintana confirmou que hai que negociar "algo que compense" porque o diñeiro salgue dos impostos de todos os cidadáns europeos, polo que hai que xestionalos "de xeito responsable".

E é que os buques europeos de atún e demersales que levan pescando estas especies dende agosto de 2012 durante un período de transición terán que abandonar augas mauritanas dende este xoves, segundo informou a Comisión Europea nun comunicado.