Nove meses de prisión para un pontevedrés que se fixo pasar por axente de Pablo Alborán e Mario Casas

Actualizado: martes, 21 octubre 2014 12:24

PONTEVEDRA, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

Nove meses de prisión e unha multa de 10.000 euros en concepto de responsabilidade civil é a pena que aceptou este martes o pontevedrés Javier Vázquez Ansorena como autor dun delito continuado de estafa que cometería ao facerse pasar por representante do cantante Pablo Alborán e do actor Mario Casas.

O xuízo estaba previsto no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra para as 9,30 horas deste martes, pero non chegou a celebrarse porque o acusado alcanzou un acordo de conformidade co fiscal da causa, Luis Uriarte, e a acusación particular, que exerce a sociedade pontevedresa Cresconio S.L..

O acusado Javier Vázquez Ansorena si chegou a sentar no banco para ratificar o acordo e a súa intención de non recorrer a sentenza condenatoria, pero os dous artistas que estaban citados como testemuñas non acudiron á vista, xa que estaba prevista a súa declaración por videoconferencia no caso do primeiro.

En concreto, Alborán estaba previsto que declarase por videoconferencia, pero ao final non foi necesario que interviñese. O segundo xa non estaba previsto que falase como vítima porque se atopaba nun lugar no que lle resultaba imposible contactar.

FEITOS

Inicialmente o fiscal pedía dous anos de prisión por un delito continuado de estafa a Javier Vázquez Ansorena por facerse pasar polo axente destes artistas sen que tivese os dereitos, asinando o 21 de febreiro de 2012 coa empresa pontevedresa Cresconio S. L., a contratación de Pablo Alborán para dar dous concertos na discoteca Carabás os días 18 e 19 de maio dese ano. Como pagamento anticipado o acusado cobrou 1.800 euros.

Días máis tarde o acusado asinou outro contrato privado para a presenza en Carabás do actor Mario Casas, entregándoselle 5.000 euros. A empresa reclamou, ademais, os gastos realizados na campaña de publicidade para facer promoción de ambos os dous eventos , así como as reservas hoteleiras feitas para tal ocasión.