VIGO 18 Jun. (EUROPA PRESS) -
As nove oficinas creadas pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) para asesorar a afectados pola comercialización indebida de participacións preferentes e obrigas subordinadas comezarán este martes a súa actividade, que seguirán prestando durante dous meses.
Esta rede de oficinas, para a que o organismo provincial destina 34.584 euros, ten o obxectivo de orientar aos afectados á hora de reclamar a devolución do seu diñeiro pola vía xudicial e asesoralos tamén no que se refire ao troco e as quitas.
As dependencias instalaranse nos concellos de Tui, Ponteareas, Redondela, Cangas, Cambados, A Estrada e Lalín e nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo.
As persoas que acudan a estes puntos de asesoramento serán atendidas por persoal licenciado en Dereito e coñecedor da problemática da comercialización de produtos híbridos. O horario de atención será de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas.
ATENCIÓN INDIVIDUALIZADA
Así, os expertos orientarán e informarán os interesados sobre as posibilidades de acudir á vía xudicial, os pasos que deben dar, a forma de facelo ou se teñen ou non dereito a xustiza gratuíta. Tamén ofrecerán atención individualizada para que os afectados conten coa información adaptada ao seu caso concreto.
Inicialmente, as oficinas permanecerán abertas ata o 18 de agosto, se ben o prazo de atención aos afectados poderá ampliarse en función da demanda que reciban.