O novo hospital de Vigo incorpora este luns novas consultas

Actualizado: domingo, 2 agosto 2015 17:15

VIGO, 2 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (HAC), dentro do proceso de traslado de servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), incorporará o luns 3 catro consultas de atención ambulatoria de Patoloxía Infecciosa e unha consulta externa do Servizo de Cardioloxía.

As novas consultas, situadas na planta -1 do edificio do HAC, teñen previstas 4.347 citas para a semana entrante, 850 dos pacientes unicamente para o día de apertura destas.

Por motivo do aumento de actividade hospitalaria, prodúcese un incremento do número de profesionais no centro. O luns incorporaranse unha ducia de traballadores do Chuvi, xunto cos 320 empregados que xa están recolocados no HAC.

O proceso de traslado de servizos do Hospital Universitario ao novo Álvaro Cunqueiro continuará nas próximas semanas coa chegada dos departamentos de atención especializada e urxencias.

CONSULTAS DE PATOLOXÍA INFECCIOSA

A apertura das catro consultas de Patoloxía Infecciosa, que forman parte da primeira fase de traslado do Servizo de Medicina Interna no HAC, están dedicadas ás patoloxías do VIH e a Hepatite C.

O servizo de Medicina Interna de Vigo engadirá ás súas prestacións a consulta interdisciplinar 'Anoscopias con Biopsias' no Álvaro Cunqueiro, con internos, cirurxiáns e xinecólogos, que diagnostica e trata lesións fundamentalmente polo virus do Papiloma Humano, VIH e Hepatite C.

Ademais, Medicina Interna tratará de potenciar a 'Consulta de Chagas', dedicada ao diagnóstico e tratamento desta enfermidade parásita crónica causada por un chinche. Neste ámbito, Galicia é unha das catro rexións en Europa que desenvolve programas de prevención da enfermidade de Chagas conxénita.

Os novos consultorios contan coa atención de tres facultativos e dous profesionais de enfermaría. En total, a partir do traslado e reorganización sanitaria, a área de Medicina Interna viguesa disporá de 13 ambulatorios, sete no HAC e seis no Meixoeiro, catro máis que actualmente.

O coordinador do servizo, Alberto Rivera, explicou que se manterá "grande parte da actividade" do Hospital de Meixoiero, polo que se disporá de dous equipos profesionais, "dous terzos en Meixoeiro e o resto no novo hospital".

CONSULTA CARDIOLÓXICA DE ALTA RESOLUCIÓN

Pola súa banda, o Servizo de Cardioloxía iniciará o luns a súa actividade no HAC cunha consulta externa de alta resolución coa atención de dous especialistas.

O xefe deste servizo, Andrés Íñiguez, explicou que se trata dun "acto único" que permite na mesma consulta a exploración do paciente e a realización das probas complementarias, ecocardiograma e electrocardiograma, de tal maneira que "o paciente sae do hospital coas probas xa feitas, diagnóstico e indicación terapéutica".

A inauguración desta consulta cardiolóxica no novo hospital vigués complementarase gradualmente, ata o 1 de setembro, coa incorporación dun total de nove consultas "orientadas á alta resolución e as patoloxías monográficas", afirmou Íñiguez.

O Servizo de Cardioloxía creará, nas novas dependencias do HAC, unha 'Unidade de Insuficiencia Cardíaca' con catro camas específicas. O xefe de servizo declarou que "a insuficiencia cardíaca crece a un ritmo maior en Galicia que noutras comunidades, debido ao envellecemento da poboación".

Ademais, o HAC instaurará tres novas consultas monográficas cardiolóxicas, 'Intervencionismo de Cardiopatías Estructurales, intervencións do corazón fóra do ámbito coronario, Rehabilitación Cardíaca e Consulta de Resultados, enfocada en axilizar o proceso tras a alta hospitalaria.