SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
Novo Socialismo Galego (NSG) pediu este mércores ao secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que paralice a elección de cargos do partido, co fin de que sexa a nova dirección saída do proceso previsto para setembro, a que tome as decisións neste sentido.
Con este obxectivo, o voceiro da plataforma, Iván Puentes, remitiu ao de O Carballiño unha misiva, á que tivo acceso Europa Press, na que chama a atención sobre que a executiva vaia elixir este xoves ao substituto de Pablo García como senador por designación autonómica para a súa designación na sesión plenaria da semana próxima.
"Parécenos totalmente inapropiado que tal elección se produza neste momento, en pleno proceso precongresual, cunha dirección do partido interina e a un mes, practicamente, de poñerse en marcha o proceso de primarias", remarca Pontes no seu escrito.
Ademais, incide en que é "máis inapropiado e inxustificable" á vista de que "transcorreron oito meses" dende que o escano na Cámara alta quedou vacante, como consecuencia da incorporación de Pablo García ao Parlamento galego tras as eleccións autonómicas. "E en oito meses non se abordou este asunto", subliña.
É por iso que, tras reiterar que o congreso socialista se fará á volta do verán, abundou en que non aprecia "ningunha razón de urxencia que xustifique" que a elección se leve a cabo "agora".
APELA Á TRANSPARENCIA
Con estes fundamentos, o voceiro de NSG apelou á "transparencia, a maior participación posible dos militantes na toma de decisións e a maior lealdade entre as direccións saínte e entrante do PSdeG" para pedir a Pachi Vázquez que "non proceda á designación do senador nin á de ningún outro representante do partido" noutros órganos".
E é que como esgrime na súa carta deberá ser a nova dirección a que "aborde estes asuntos" e "propoña os nomeamentos oportunos para cada posto, de acordo coa liña política que os afiliados aproben no congreso".
Por último, tras expresar o seu desexo que de Pachi Vázquez "reconsidere" a súa postura sobre a elección do senador, Iván Puentes tamén solicita o seu xefe de filas que dea traslado a "tódolos membros" da executiva do PSdeG, na reunión deste xoves, do contido desta carta.
ELECCIÓN DE FERNÁNDEZ PENA
E é que o pasado luns transcendeu a intención de Pachi Vázquez de propoñer á alcaldesa de Silleda (Pontevedra), Paula Fernández Pena, para que ocupe un dos escanos do Senado que son elixidos polo Parlamento autonómico.
De saír adiante este nomeamento, Fernández Pena xa se comprometeu a deixar o cargo, co fin de dar cumprimento á máxima 'unha persoa, un cargo'. Actualmente lidera a Casa do concello en minoría tras expulsar, o pasado mes de marzo, o único edil do BNG do Goberno local.