A oposición advirte da "precariedade" e o PPdeG destaca que hai "unha tendencia" de creación de emprego

Xunta Portavoces
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 15:05

O PSdeG pide a comparecencia de Feijóo, que os populares rexeitan aínda que aseguran que se falará desta cuestión

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

Os grupos da oposición --PSdeG, AGE e BNG-- chamaron a atención sobre a "precariedade" dos novos contratos de traballo que se están a asinar tras os datos do paro rexistrado no mes de agosto --que baixou en 3.340--, mentres que o PPdeG destacou que "hai unha tendencia " de creación de emprego.

Na rolda de prensa tras a reunión dos grupos, o voceiro socialista na Cámara, José Luis Méndez Romeu, incidiu no "o 94 por cento dos novos contratos son temporais" en Galicia, o cal "indica ata qué punto se derrubou o mercado de traballo".

Así, e ante o que considera unha "catástrofe económica", o PSdeG reclamou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparecese ante o hemiciclo galego para abordar a situación do mercado de traballo e o ámbito laboral, pero os populares o "bloquearon" malia ser a "infinita vez" que o primeiro partido da oposición reclama a presenza do mandatario autonómico.

Méndez Romeu sospeita que o presidente se "nega sistematicamente" a acudir á Cámara para tratar asuntos en comparecencia porque "é consciente da realidade".

"E por iso foxe do Parlamento", concluíu o voceiro socialista, quen recriminou a "complicidade" do Goberno galego co de España e Alemaña e quen censurou a "negativa a dar unha explicación solvente" sobre o "futuro".

O seu homólogo popular, Pedro Puy, xustificou que aínda "está a empezar" o período de sesións no Parlamento e que, ademais, nos próximos meses haberá un debate económico en profundidade coa tramitación dos presupostos de 2015, ao que hai que sumar o debate sobre o estado da autonomía.

Así, Pedro Puy xustificou a necesidade de "ordenar o traballo parlamentario" e subliñou que "o debate vaino haber".

"TENDENCIA"

Á marxe da comparecencia, Pedro Puy subliñou que os datos do paro "son bos en termos mensuais", pero tamén na comparativa interanual xa que se trata da "décima baixada" consecutiva, cunha mellora do 7,99 por cento (dous puntos máis que o resto de España).

O voceiro popular sinalou que se trata do "mellor dato" dende os anos de crecemento económico da década dos 90, e mostrouse seguro que "dalgún xeito se está a traducir en maior contratación fixa".

BNG E AGE

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, celebrou que "baixase" a cifra de parados, pero advertiu de que iso "non pode ser unha cortina de fume que oculte a realidade", e é que Galicia "ten unha das taxas de ocupación máis baixas do Estado español e Europa".

Jorquera detectou que "o pouco emprego" que se crea é "precario e por horas", e advertiu de que "se está a debuxar un novo modelo social: ata hai pouco ter un posto de traballo garantía unha vida digna, agora estamos vivindo unha situación que non garante iso". "Non é o modelo para saír da crise", sentenciou.

Yolanda Díaz, vicevoceiro de AGE, quixo referirse aos datos de afiliación á Seguridade Social para sinalar que hai uns 90.000 menos que cando Feijóo chegou ao Goberno en 2009, e lamentou que "algo se está a facer mal" ante a "sangría permanente de perda de afiliados". "É o rostro da precariedade", remarcou.