VIGO, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
A voceira do BNG no Concello de Vigo, Iolanda Veloso, subliñou que, coa concentración deste mércores en defensa de Peinador (convocada por Abel Caballero), "se materializa a guerra partidista do alcalde, que paraliza as grandes cuestións da cidade", e denunciou o "uso partidista" que fai da institución que representa.
Segundo apuntou Veloso en declaracións aos medios, o rexedor mantén a súa "guerra particular facendo de chairego solitario" e, lonxe de buscar o consenso para crear unha "fronte común" de defensa do aeroporto, convoca unha concentración "en contra de", pero "sen alternativas nin solucións" para Peinador.
A ese respecto, recordou que o BNG si formulou medidas para potenciar a terminal viguesa, que serán trasladadas "a todo o mundo" para que haxa "un debate e un diálogo". "O alcalde enfróntase a todo e a todos. Parece que canto peor lle vaia á cidade, mellor para el", lamentou.
Por outra banda, en referencia á eliminación de partidas para subvencionar voos consideradas no borrador de presupostos municipais, Iolanda Veloso matizou que foron retiradas porque o goberno municipal aceptou as emendas do BNG. "Foron votadas favorablemente no pleno polo PSOE. Isto non é unha chantaxe, é o funcionamento democrático dun concello", resaltou, e advertiu que "o alcalde se esquece que goberna en minoría".
O voceiro municipal do PP, José Manuel Figueroa, tamén incidiu en que o acto deste mércores (ás 20.30 horas en Porta do Sol) "é en contra do PP e non a favor da cidade", ao tempo que recordou as "promesas incumpridas" de Caballero en materia de conexións aéreas. Así mesmo, reprochoulle a súa defensa de Alvedro cando foi ministro, e recordou que, xunto con Abel Losada e Raquel Díaz, elaborou un informe (polo que cobrou 30.000 euros, segundo os populares) no que apostaba por un sistema aeroportuario conxunto, no que Peinador desempeñaba un papel secundario.
"HAI UN CLAMOR COLECTIVO"
Pola súa banda, o rexedor limitouse a insistir en que "toda a cidade" estará na concentración da tarde, porque Vigo "non está disposto" a renunciar ao seu presente e o seu futuro polo "ataque" do presidente da Xunta.
Segundo Caballero, "hai un clamor colectivo" para que Peinador sexa tratado como os demais aeroportos galegos e poida "competir en igualdade de condicións".
"De forma civilizada e cóbado con cóbado demandaremos o que é noso", apuntou, ao tempo que se referiu á ausencia de PP e BNG desa convocatoria. "O peor para eles é que ninguén lles vai botar de menos", concluíu.