Orozco desvelará en setembro se pugna por un quinto mandato como alcalde de Lugo

Xosé Clemente López Orozco
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 26 agosto 2014 18:37
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

LUGO, 26 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Lugo, o socialista Xosé López Orozco, recoñeceu que durante as vacacións tomou unha decisión sobre o seu futuro político, pero sinalou que non a fará pública ata o mes de setembro, cando desvelará se opta a un quinto mandato como rexedor lucense, cargo que ocupa dende 1999.

   Así, dentro duns días Orozco, quen está imputado na Operación Pokémon e tivo que sufrir o desgaste dunha folga de lixos que se prolongou durante case dous meses, desvelará se novamente será o candidato do PSOE á reelección no Concello de Lugo, que nestes momentos goberna en minoría.

   "Meditei sobre o meu futuro político e neses 30 días responderei", afirmou en rolda de prensa a preguntas dos xornalistas, a punto de que este profesor de filosofía en excedencia cumpra 67 anos de idade.

   Por outra banda, dixo estar "totalmente de acordo" co voceiro do PSOE no Parlamento, José Luis Méndez Romeu, quen advertiu que os alcaldes socialistas imputados que volvan presentarse ás municipais deben facelo cun "plus de responsabilidade".

   "Estou totalmente de acordo, sen que sirva de precedente. E aqueles que somos inocentes estamos libres de calquera outro tipo de explicación, e eu son inocente", resaltou.

   Sobre os meses que restan para as municipais de maio de 2015, apuntou que gobernará "coas mesmas ganas, ilusión e forza que o 3 de xullo de 1999", cando foi nomeado por primeira vez alcalde de Lugo. "Eu son un político un pouco atípico, non penso nos catro anos de mandato, senón que sempre penso a medio e longo prazo", afirmou.

SUBSTITUCIÓN

   Na mesma rolda de prensa, Orozco presentou a Rosana Rielo como substituta da edil Sonia Méndez na Concellaría de Economía, que estará catro meses de baixa por maternidade.

   Rosana Rielo, que terá dedicación exclusiva, explicou que os seus obxectivos serán preparar os presupostos de 2015 e continuar coas accións do Plan Urban e do viveiro de empresas CEI Nodus.

   Con respecto aos presupostos de 2015, Orozco avanzou que presentarán unha proposta e en caso de non conseguir o apoio da oposición, posto que goberna en minoría, se acollerán "ao disposto na lei para aprobalos en xunta de goberno".