Os actos institucionais da Xunta contarán con intérpretes para favorecer a participación de persoas xordas

Actualizado: domingo, 18 marzo 2018 14:41

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta e a Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia (FAXPG) asinaron un convenio de colaboración polo que esta entidade facilitará intérpretes para favorecer a participación de persoas xordas e xordo cegas nos actos institucionais do Goberno galego.

   Deste xeito, segundo informa a Xunta este domingo, a través deste convenio a FAXPG comprométese a prestar "os medios persoais necesarios" para garantir o acceso deste colectivo á información que se ofrece nos actos institucionais do Executivo autonómico.

   Ademais, o acordo tamén establece que a federación ofrecerá accións formativas para achegar a linguaxe de signos aos traballadores da Adminstración autonómica.

   Galicia conta desde o ano 2016 cunha normativa que regula a atención á cidadanía no sector público de Galicia co obxectivo de garantir "unha mellor e maior atención cidadá" ás persoas con discapacidade.