SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -
As empresas galegas presentaron durante o mes de xaneiro un 83,33 por cento máis de concursos de acredores que no mesmo período de 2011, dende os 24 de xaneiro do pasado ano ata os 44 do actual.
Así o recollen os datos do 'Radar Empresarial' publicado este mércores por Axesor, e no que se evidencia que o maior incremento de concursos de acredores en Galicia durante xaneiro o ten A Coruña, onde se rexistraron 10 concursos máis.
Pola súa banda, a actividade emprendedora en Galicia experimentou ao longo do mes de xaneiro un crecemento do 49,06 por cento con respecto ao ano anterior, tras crearse un total de 398 sociedades.
Así, este dato supón, en termos relativos, o segundo maior aumento rexistrado en toda España, unicamente por detrás de Extremadura. Por provincias, Ourense encabeza a lista cun crecemento do 95 por cento, mentres que en valores absolutos a líder é A Coruña, con 62 novas empresas.
Non obstante, A Coruña é tamén a provincia onde máis creceu o número de baixas oficiais, que pasaron de 94 en xaneiro de 2011 a 136 durante o último mes. O total rexional é tamén maior que o do pasado ano, con 286 baixas empresariais, un 24,35 por cento máis que no mesmo mes de 2011.
En canto ás operacións corporativas, en Galicia rexistráronse 14 fusións empresariais o pasado mes de xaneiro, o que supón unha diminución do 11,11 por cento con respecto ás cifras de hai un ano. Ademais, rexistráronse unicamente tres escisións no territorio, un 57 por cento menos.