Os deputados de Podemos Galicia cren que Riobóo debe escoitar e "non se aferrar" ao cargo de secretario xeral

Actualizado: miércoles, 10 febrero 2016 18:59

"Estamos a disposición de que a xente que participa en Podemos decida sobre a composición orgánica", di Gómez-Reino sobre o seu futuro e o de Rodríguez

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -

Os deputados de Podemos que se presentaron na coalición de En Marea consideraron que o actual secretario xeral da formación en Galicia, Breogán Riobóo, debe escoitar as voces críticas co camiño que el adoptou, en palabras de Ángela Rodríguez, e "non se aferrar" ao cargo, como dixo Antón Gómez-Reino. Na mesma liña, a dirección estatal da organización agarda a dimisión.

Ambos os dous, en declaracións a Europa Press, advirten de que Breogán Riobóo, que xa non ten competencias de facto tras a disolución do consello cidadán e do comité de garantías, se sumiu nunha "cerrazón ao diálogo" e censuraron que cuestionase o camiño aberto por En Marea, especialmente, este ano electoral na Comunidade galega en que o propio líder da formación morada, Pablo Iglesias, defendeu a coalición --ampliable-- con Anova e Esquerda Unida.

"Creo que ten que tomar as decisións por si mesmo, (pero) é evidente que a súa executiva e o consello cidadán estamos a intentar usar as vías democráticas e de diálogo para intentar manifestar que non estamos de acordo coa folla de ruta que quería marcar. Son motivos abondos para que escoite, son moitos as mensaxes que lle estamos a mandar nestes momentos: as dimisións, a posición da executiva estatal,...", apuntou, en declaracións a Europa Press, Ángela Rodríguez.

Pola súa banda, Gómez-Reino insistiu en que "unha das cuestións" que se deben ter en conta en política é a "capacidade de entender que os cargos teñen que ver coa súa posta, constante, a disposición da xente".

"Creo que Breogán (Riobóo) non debería aferrarse a ese cargo, non axudaría a desatascar a situación que hai en Podemos Galicia, pero está na súa man", incidiu o deputado por A Coruña, quen, preguntado por se cre que a dirección estatal debería recorrer a intentar convocar unha asemblea revocatoria do cargo de Riobóo, dixo que "é máis doado que todo iso" e considerou que "non hai que ir a ese tipo de mecanismos".

"Hai unha parte importantísima de inscritos en Galicia que non concordan coa liña discursiva de Breogán (Riobóo). Non habería que continuar con este ruído, que non axuda a ninguén. Non axuda ao cambio en Galicia, nin ao cambio nas autonómicas", resolveu.

DECISIÓN DE "CONSENSO" EN GALICIA E MADRID

En canto á decisión de presentar as dez dimisións e se foi unha acción coordinada coa dirección estatal de Podemos, Gómez-Reino explicou que o que "hai é consenso xeneralizado na organización en Galicia e na organización estatal" de desacordo coa dirección tomada polo secretario xeral galego.

"Creo que non é unha cuestión de coordinación, senón de consenso xeneralizado de que, non tiña sentido, por unha parte, a cerrazón ao diálogo e, por outra parte, o percorrido das cousas". "Nese sentido, o mecanismo é: non hai diálogo nin posibilidade de que o haxa, buscamos unha vía alternativa, que é o que se debe de facer cando non se está de acordo", destacou.

Pola súa parte, e nesa liña, Ángela Rodríguez manifestou que "si", "por suposto", foi unha decisión "falada" coa dirección estatal. "Falada, informada; nós o que non queriamos é que continuase a situación de parálise e inmobilismo e pensabamos que isto era un paso que podía desbloquear a situación, pero non é unha cuestión de pactos secretos, senón unha cuestión natural", aseverou.

En canto ás discrepancias que lles levaron a presentar a súa dimisión, Rodríguez explicou que despois das eleccións do 20 de decembro, no seo da executiva, "se"intentou facer unha análise do que significaba En Marea para Podemos Galicia" e, na dirección, "non había acordo" e "atoparon cun secretario xeral que non quería escoitar o que os seus compañeiros pensaban e pensan: que o resultado de En Marea foi espectacular".

Así, engadiu que lles levou a esta situación o feito de que "non estaban de acordo" coa análise nin coa "folla de ruta a seguir". Ao respecto, o propio Pablo Iglesias dixo hai varias semanas que o camiño era En Marea e continuar coa "acumulación de forzas", recordou Ángela Rodríguez.

"Facía falta atopar o espazo en que puidésemos falalo democraticamente e, finalmente, tivo que facerse deste xeito", lamentou.

PROCESO INTERNO E CANDIDATURA

Ángela Rodríguez defendeu que o prazo para a renovación dos órganos internos "se"poida facer canto antes", pero non deu un período completo, posto que, recordou, nos estatutos non teñen determinado tampouco estes tempos. Preguntada por se sería adecuado que se celebrasen antes das autonómicas, manifestou: "Si, si, claro".

Pola súa banda, o deputado coruñés concordou en que se celebre a renovación interna antes das autonómicas, pero puxo enriba da mesa que "a xestora terá absoluta lexitimidade" para decidir o futuro de Podemos en Galicia e será a que "teña a palabra do que aconteza". "Creo que sempre se fala, por normalidade democrática, que os prazos sexan todo o curto que se permita, pero hai un período de transición, completamente regulado. Non se irá moi lonxe no tempo", subliñou.

Gómez-Reino entende que "si" serán antes das autonómicas, pero manifestou que "habería que preguntarlle a Feijóo", en referencia a que é potestade do presidente da Xunta convocar os comicios autonómicos. En todo caso, e dando por suposto que sexan en outono os comicios galegos, nese escenario o deputado por A Coruña dixo que "si" sería a renovación antes.

"Nós temos unha responsabilidade importantísima agora no Congreso. A responsabilidade que é con En Marea, e co proceso de cambio, evidentemente tamén é unha responsabilidade co que acontece coa ferramenta de Podemos en Galicia", enunciou o deputado por A Coruña, quen, en todo caso, manifestou que "non tería moito sentido" que os dous deputados non estivesen no Consello Cidadán.

"Non tería moito sentido, como está a poñer enriba da mesa Breogán (Riobóo), que non houbese unha conexión clara, cotiá do que acontece no Congreso cos deputados de En Marea, que tamén participan de Podemos en Galicia", considerou.

Así as cousas, e sobre o seu futuro, Gómez-Reino agregou que tanto el como --entendía que-- Pam, "están a disposición de que a xente que participa en Podemos decida sobre a composición orgánica e o futuro órgano de dirección". "Non é xogar na ambigüidade", asegurou para argumentar a súa resposta aberta.

En canto a se o seu futuro estará ligado á vida orgánica, a deputada manifestou que tanto ela como Gómez-Reino teñen "agora un proxecto bastante máis relevante, neste momento, como é En Marea. "Estamos centrados niso, cando pase o tempo, pois falaremos", apuntou, antes de aclarar: "Nin o descarto, nin o valoro, nin o contemplo; non sei en qué circunstancias se van dar as primarias, canto lonxe ou preto das autonómicas se van convocar as primarias, hai un montón de incógnitas que me fan pensar que agora mesmo o meu traballo está no Congreso".

Ademais, Ángela Rodríguez sinalou que "ten que ser unha decisión de Breogán (Riobóo)" se presenta ou non candidatura para o proceso de primarias. "É decisión deles", apuntou.