Os editores cren que se a Xunta "non reconduce" o seu plan de dixitalización escolar o sector estará "ferido de morte"

Presentación de Re-imprímete en Santiago
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 23 abril 2014 12:27

Alertan dunha baixada do 30% na facturación e a perda do 40% de emprego directo en 5 anos, aínda que cren que o sector "ten futuro"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os editores critican duramente que a Administración galega se propuxera que o sistema educativo da Comunidade sexa o "o primeiro do mundo no que non se empregan soportes impresos" e alertaron de que, se a Xunta "non reconduce" se plan de dixitalización escolar, o sector editorial galego estará "ferido de morte".

Así o explicou o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, que participou na inauguración do foro 'Reimprímete', no que os diferentes colectivos do sector do libro se reuniron para defender a pervivencia do papel.

Neste sentido, Bragado recordou que o 40 por cento da facturación do sector editorial provén directamente do libro escolar e criticou que precisamente dende este ámbito se estean a desenvolver "as políticas máis agresivas contra o libro impreso" a través da intención da Xunta de substituír o material en papel por soporte electrónico, algo que Bragado cualificou de "delirante" e "irresponsable".

"Se non se reconducen estas políticas de dixitalización educativa, o sector editorial en Galicia estará ferido de morte", augurou Manuel Bragado, que se comprometeu a "dar a batalla" contra estas medidas.

UN "TSUNAMI"

Para Manuel Bragado, o sector editorial no seu conxunto en Galicia está "vivindo un tsunami" a causa da crise, coa que a súa facturación se viu reducida en máis de 30 por cento e o volume de edición baixou nos últimos anos ata un 40 por cento.

Non obstante, para o presidente da AGE, o punto máis negativo neste ámbito viviuse no campo do emprego, dado que o sector editorial perdeu nos últimos cinco anos o 40 por cento do emprego directo. Os fondos públicos para o sector, lamentou, baixaron así mesmo un 70 por cento.

Esta "tormenta perfecta", apuntou, se ve "agravada" cun proceso de "hibridación" entre o libro electrónico e o papel que crea "incerteza" e "fraxilidade", aínda a pesar de que os libros electrónicos son "unha actividade marxinal" neste ámbito.

Así, fronte a poderes públicos que fomentan o uso do libro electrónico, Bragado apostou por "visibilizar" o libro en papel para que "recupere o seu protagonismo e o seu espazo social", dado que, na súa opinión, "ten futuro". "Dentro deste proceso de hibridación, asistiremos primeiro á desaparición dos e-books que á desaparición do libro como o coñecemos", sentenciou.

Para iso, o presidente dos editores galegos destacou que as Administracións teñen "unha gran responsabilidade" e deber "ineludible" de fomentar a lectura, polo que viu "indispensable recuperar" o seu "apoio" neste sentido.

FORO REIMPRÍMETE

Manuel Bragado participou este mércores en Santiago, coincidindo co Día do Libro, na constitución do Foro Reimprímete, unha entidade que agrupa a 18 organizacións profesionais relacionadas con toda a cadea de produción, distribución, venda e promoción do libro que traballarán para reivindicar o soporte en papel e a pervivencia deste elemento.

No discurso de apertura, lido pola escritora Rosa Aneiros, o foro instou os profesionais do sector a "non claudicar" ante o "avance das novas tecnoloxías" e a "reivindicar o papel como elemento fundamental".

En palabras de Aneiros, este "amplo" sector industrial de Galicia "corre perigo" na situación actual, polo que reclamou "recursos e políticas públicas" que garantan a súa "supervivencia" e a reconsideración da dixitalización escolar.

O presidente do Cluster do Produto Gráfico, Jacobo Bermejo, indicou que, a pesar do avance das novas tecnoloxías no sector, o libro dixital "terá que convivir co papel", que "vai ter continuidade".

Neste sentido, criticou a "presión" que exercen empresas multinacionais para a venda de dispositivos electrónicos de lectura e os efectos da crise sobre o sector, afectado polas "políticas de austeridade", a "eliminación de publicacións" e o traspaso dos custos ao cidadán.