Os encoros galegos aumentan as súas reservas e xa superan a media da década

Encoro de Chandrexa de Queixa (Ourense)
EUROPA PRESS - Archivo
Actualizado: martes, 20 marzo 2018 17:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os encoros galegos aumentaron as súas reservas até o 83,8% da súa capacidade após as choivas da última semana, seis puntos máis que a semana pasada, de forma que xa superan a cifra media da última década.

De feito, as precipitacións, que afectaron a toda a península, deixaron a máxima en Pontevedra, cun total de 88,8 litros por metro cadrado.

Segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Medio Ambiente, os encoros de Miño-Sil incrementaron até o 78,2% (desde o 70,4% da semana pasada) a auga recollida.

Na actualidade, contan con 2.370 hectómetros cúbicos de auga, por encima dos 1.934 do ano pasado a estas alturas e tamén máis que os 2.229 de media da última década.

En Galicia Costa, a auga embalsada xa supón o 89,3%, o que se traduce nun aumento de máis de catro puntos respecto de sete días atrás.

Así, en Galicia Costa hai 611 hectómetros cúbicos, máis que os 470 do ano anterior e por encima da media da última década, situada en 502 hectómetros.