Os falecidos en accidente de tráfico aumentan un 20% en Galicia en setembro

     Accidente Mortal En Negreira (A Coruña)
GRUMIR BRIÓN
Actualizado: miércoles, 1 octubre 2014 11:34

Un total de 69 persoas faleceron ata setembro nas estradas galegas en 66 accidentes, un 11,9% máis que hai un ano

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

O número de falecidos en accidentes de tráfico acontecidos nas estradas galegas no mes de setembro aumentou un 20 por cento con respecto ao mesmo mes do ano anterior, con 12 vítimas mortais fronte ás 10 de hai un ano.

Segundo os datos feitos públicos este mércores pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT), os falecidos estiveron implicados en 11 accidentes de circulación, tres máis que o setembro de 2013, o que supón un incremento da sinestralidade do 37,5 por cento.

O maior número de falecidos en estrada en setembro produciuse na provincia da Coruña, con cinco mortos --os mesmos que o ano anterior-- seguida de Pontevedra e Ourense, con tres vítimas mortais en cada unha. En Lugo foi unha persoa a que faleceu nun accidente de circulación durante o noveno mes do ano.

Do total destes accidentes mortais, sete foron saídas de vía. A maiores, en dous casos produciuse colisión e un dos vehículos resultou envorcado. Tres dos falecidos foron atropelados.

En relación ás vítimas, cinco eran maiores de 65 anos, tres tiñan entre 36 e 45 anos, dous entre 46 e 55 anos e unha entre 56 e 65 anos. Un dos falecidos tiña menos de 25 anos.

EVOLUCIÓN ATA SETEMBRO

No que vai de ano, as estradas galegas rexistraron un total de 66 accidentes mortais, un 11,9 por cento máis que no mesmo período do ano anterior.

Por provincias, na Coruña tiveron lugar 22 accidentes mortais, un 29 por cento menos que hai un ano e en Pontevedra 15, un 11,8 por cento menos. En Lugo os accidentes mortais, 17, incrementáronse un 240 por cento con respecto aos primeiros nove meses de 2013 --cando foron cinco-- e en Ourense duplicáronse neste período, ata os 12.

As vítimas neste período foron 69, un 1,5 por cento por enriba do mesmo período do ano anterior. En concreto, 23 persoas faleceron nas estradas da Coruña --41 por cento menos--, 19 nas de Lugo --fronte ás 5 do ano anterior--, 12 nas de Ourense --un 71 por cento máis-- e 15 na de Pontevedra --un 11,8 por cento menos--.

No que vai de ano, o mes con maior sinestralidade mortal en Galicia foi setembro, con 11 accidentes, seguido do mes de marzo, cando tiveron lugar 10 sinistros con vítimas mortais.