Os fogares galegos con todos os seus membros en paro diminúen en 5.900 no terceiro trimestre, ata os 87.800

Paro, parados, oficinas de empleo del INEM
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 23 octubre 2014 17:56

A taxa de temporalidade escala outras oito décimas, ata o 24,6%, e o paro xuvenil cae 2,1 puntos e sitúase no 36,6%

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

O número de fogares galegos nos que todos os seus membros activos están no paro diminuíu en 5.900 unidades no terceiro trimestre deste ano en relación cos tres meses anteriores, ata situarse en 87.800.

Son datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que este xoves publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), segundo os cales esta cifra caeu un catro por cento con respecto ao terceiro trimestre de 2013.

No lado oposto, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están ocupados aumentou en 21.900 unidades en taxa intertrimestral, ata as 534.100. Ademais, en relación ao mesmo período do ano pasado, hai 19.800 fogares máis nesta situación (+3,8%).

CRECE A TEMPORALIDADE

Ademais, o IGE apunta que, no terceiro trimestre deste ano, en Galicia se contabilizaron 795.100 asalariados, dos que un 75 por cento teñen un contrato indefinido (599.900) e o resto, un contrato temporal.

Con respecto ao trimestre anterior, os traballadores indefinidos aumentaron un 1,8 por cento (10.600 máis) e os temporais, un 6,4 por cento (11.500). Na mesma liña, tomando como referencia o terceiro trimestre de 2013, os asalariados con contrato indefinido creceron un 1,6 por cento e os contratados de forma temporal, un 2,6 por cento.

Así as cousas, a taxa de temporalidade --calculada como a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de empregados-- creceu oito décimas neste trimestre, ata situarse no 24,6 por cento.

CAE O PARO XUVENIL

En canto á situación dos mozos galegos, a maior parte dos 345.200 que teñen entre 16 e 29 anos están en situación de inactividade. En concreto, o 43,7 por cento, uns 150.900. En cambio, 123.200 están ocupados (35,7%) e 71.100 (20,6%) están no paro.

Segundo os datos do IGE, a taxa de ocupación deste colectivo con respecto ao trimestre anterior aumentou 1,4 puntos e, con respecto ao terceiro trimestre de 2013, diminuíu 1,1 puntos. Sitúase no 35,7 por cento.

Pola súa banda, a taxa de paro xuvenil baixou durante o terceiro trimestre 2,1 puntos, ata o 36,6 por cento. E, en comparación co mesmo período de 2013, baixou dúas décimas.

Outro dato que achega o IGE é que o 75,9 por cento dos ocupados de entre 16 e 29 anos ten xornada completa, tras crecer un 7,7 por cento con respecto ao segundo trimestre do ano. En paralelo, o número de novos con xornada parcial caeu un 8,6 por cento.

Tomando como referencia o terceiro trimestre de 2013, produciuse unha baixada do 5,7 por cento nos mozos ocupados a xornada completa e do 10,5 por cento para os que teñen xornada parcial.

BAIXA A CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE NOVOS

E, dos 107.400 asalariados existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, máis da metade (58,7%) está vinculado á empresa por un contrato temporal, fronte a un 41,4 por cento de contratos indefinidos.

Este último aspecto experimentou unha diminución do 3,5 por cento sobre o trimestre anterior e dun 15,2 por cento con respecto ao mesmo trimestre do pasado ano. Os contratos temporais a mozos, en cambio, aumentaron un 9,9 por cento sobre o segundo trimestre de 2014 e caeron un catro por cento respecto ao terceiro trimestre de 2013.

Por tanto, a taxa de temporalidade para o colectivo de entre 16 e 29 anos sitúase no 58,7 por cento, 3,2 puntos porcentuais por enriba da rexistrada hai tres meses e 3,1 puntos superior á rexistrada hai un ano.

FERROL, A MAIOR TAXA DE PARO

Finalmente, na análise das principais cidades galegas, queda de manifesto que Santiago e Lugo son os que presentan maiores taxas de ocupación (51,6% e 52,7%, respectivamente) no terceiro trimestre de 2014.

No lado oposto sitúase Ferrol, cun 35,2 por cento, como a cidade coa menor taxa de ocupación e coa maior taxa de paro (30%). A Coruña e Lugo teñen as menores taxas de paro, dun 16 por cento, seguidas por Santiago, cun 16,8 por cento.