Os maiores gastos dos grupos municipais de Ourense son para unha televisión local, propaganda e salarios temporais

No caso de Democracia Ourensana (DO), a totalidade da súa asignación, de 18.000 euros, vai para a televisión local do seu voceiro

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 19:58

OURENSE, 24 (EUROPA PRESS)

Os grupos políticos no Concello de Ourense fixeron públicas este venres as súas contas do ano 2012, dos fondos públicos que reciben do concello e a que os dedican. Así, pódese ver que os maiores gastos destínanse á remuneración de traballadores temporais no caso do PSOE, con 30.436 euros e outros 14.000 de Seguridade Social, a propaganda e publicidade no caso do PP, con 23.596 euros, a unha televisión local (18.000 euros de Democracia Ourensana) e ao aluguer dunha sede no centro da cidade (15.564,87 euros do BNG).

A asignación que corresponde a cada grupo político está regulada e consiste en 450 euros mensuais por grupo político constituído, aos que se suman outros 450 euros por cada integrante do grupo. Estes fondos non poderán destinarse a pagar persoal técnico ao servizo da Corporación nin a adquirir bens patrimoniais e a súa liquidación a 31 de decembro deberá contar cunha contabilidade específica conformada polo voceiro.

A fiscalización, segundo o regulamento municipal publicado tamén na páxina de Internet do Concello de Ourense, corresponde ao Interventor municipal.

As contas dos grupos municipais de Ourense publicáronse tras o compromiso adquirido pola Corporación tras varios debates en pleno ordinario e extraordinario, orixinados pola publicación de detalles das contas socialistas nas que se incluían gastos en bebidas alcohólicas e comidas, en varias cidades de España.

TELEVISIÓN LOCAL

O modelo seguido para dar a coñecer as contas non coincide na maior parte dos conceptos, pero nos grupos máis pequenos en concelleiros hai poucos apartados. Así, no caso de DO, a asignación íntegra, de 18.000 euros, aparece analizada en tres pagamentos de 8.850, 4.400 e 4.400 euros co concepto común de "contratación franxa horaria televisiva, informe DO", correspondente a unha televisión local da que é propietario o voceiro de DO, Gonzalo Jácome.

Nas contas do BNG, a asignación anual de 23.400 euros analízase en 15.564 euros para o pagamento do aluguer dunha sede do grupo municipal no centro da cidade, Rúa Concordia, que tamén é sede do BNG comarcal; outros 1.500 euros para a liquidación dunha traballadora; 1.005 euros para cartelería e publicacións; 560 euros para gastos de actos públicos e outros 906 para intendencia e consumibles como auga, papel, comisións bancarias ou fotocopiadora.

FUNCIONAMENTO

As maiores contas son as do PSOE e PP, pois a súa asignación é de 70.200 euros anuais por grupo municipal. No caso do PSOE, do total da asignación, 62.798 euros corresponden ao apartado de "gastos de funcionamento do grupo municipal", nos que se inclúen 30.436 euros para remuneración do persoal laboral temporal, 14.825 para a Seguridade Social e 6.505 do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) do grupo, entre outros.

As contas socialistas que se deron a coñecer teñen un segundo apartado de reparación e mantemento no que se indica un gasto de 3.473 euros en mobiliario, mentres que o terceiro grande apartado, de gastos xerados polo "traballo político do grupo municipal", inclúe 8.757 euros para "actos públicos"; 5.521 euros para "representación"; 2.000 euros nunha publicación elaborada para conmemorar o primeiro ano de Goberno municipal; e outros 1.459 euros para "telecomunicacións".

A contabilidade do grupo socialista municipal inclúe un remanente do ano 2011 de 4.159 euros e un sobrante en 2012 de 359,11 euros.

PROPAGANDA

O documento que publicou o PP xa hai unha semana na páxina de Internet do partido e dende o venres na web do Concello de Ourense, indica que a súa maior partida de gasto é de 23.596 euros, para "publicidade e propaganda", seguida da destinada a "telecomunicacións", con 18.323 euros.

O terceiro maior gasto do PP é o de "representación", que foi de 10.690 euros, seguida doutros como "mantemento de equipos informáticos", con 5.793 euros; "servizos profesionais independentes", con 3.420 euros; outros 2.729 en gastos de imprenta; 1.567 para material de oficina; e outros 1.200 para subscricións.

Todos os grupos políticos contan con espazo propio no edificio do concello e nos presupostos municipais tamén se inclúe o pagamento aos concelleiros por asistencias a plenos e comisións e outros órganos colexiados, percepcións económicas incompatibles coas dedicacións exclusivas, delegacións de área e específicas.

Por asistencia a un pleno mensual, segundo o regulamento aprobado no pleno do 6 de maio de 1995, percíbense 434 euros, outros 86 por Xunta de Goberno (máximo catro ao mes), e outros 86 por Comisións de Pleno (máximo 2 ao mes) e Xuntas de Área (máximo 8 ao mes), entre outros cobramentos de fondos públicos.

Contenido patrocinado