Os sindicatos cifran entre un 60 e un 70% o seguimento da folga de limpeza en edificios e locais de Vigo

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 17 noviembre 2008 12:41

VIGO 17 Nov. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos estiman entre un 60 e un 70 por cento o seguimento da folga indefinida que comezou a pasada media noite nos servizos de limpeza de edificios na cidade de Vigo, aínda que aínda non dispoñen de datos do ámbito provincial, segundo confirmaron a Europa Press.

A voceiro de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, apuntou que a xornada se desenvolve, polo momento, "con total normalidade", salvo algunhas identificacións por parte da Policía Nacional no campus universitario, e confirmou a presenza de piquetes nos principais centros de traballo dende esta madrugada.

A representante de UGT, Rosa Acuña, tamén subliñou a "tranquilidade" das primeiras horas de paro, e explicou que os piquetes percorren lugares como as facultades do campus vigués, o aeroporto, a planta de PSA Peugeot Citroën e os centros comerciais dende primeira hora da mañá.

Os tres sindicatos maioritarios convocaron este paro indefinido, ao que están chamados uns 8.000 traballadores, despois de non chegar a un acordo coa patronal na negociación do convenio colectivo, e tras unha xornada de paro, o pasado 6 de novembro.

CONFLITO

A parte empresarial, que impugnou o acordo sobre o convenio alcanzado en maio, fixo o pasado xoves varias ofertas "pechadas" en materia económica, que foron rexeitadas o venres polas asembleas de traballadores, os que ratificaron a opción de ir á folga.

Así, a patronal formulou un acordo por dous anos cunha suba de 34 euros o primeiro ano e 45 euros o segundo, aínda que "conxelando a antigüidade", explicou Tránsito Fernández. A segunda oferta, tamén por dous anos, supoñía unha suba de 34 euros no primeiro ano, o IPC máis un punto no segundo e "sen tocar as antigüidades".

Os traballadores rexeitaron calquera destas dúas posibilidades, e reclaman unha suba de 60 euros para o primeiro ano e 80 euros para o segundo, ademais dunha cuarta paga extra.

Contenido patrocinado